A RAGC entrega cinco medallas con motivo do Día da Ciencia en Galicia
luns, 2 de outubro do 2023
Co gallo do Día da Ciencia en Galicia, que se celebrará o vindeiro
mércores 4 de outubro no Pazo de Fonseca (Santiago), a Real
Academia Galega de Ciencias (RAGC) quer recoñecer coas Medallas
de Investigación a cinco
científicas e científicos galegos en activo das
universidades de Santiago de Compostela (USC), A Coruña (UDC) e Vigo
(UVigo). Coa quinta edición deste galardón, quérese valorar as
traxectorias senlleiras e consolidadas en investigación, desenvoltas
en Galicia, amais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía
galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores
científicos.
Os premiados serán: Aurora Grandal, medalla na sección de Química
e Xeoloxía; David Posada, premiado en Bioloxía e Ciencias da Saúde;
Jesús Salgado, premiado en Ciencias Económicas e Sociais; Fernando
Obelleiro, no eido das Ciencias Técnicas e Ricardo Cao, medalla de
Matemáticas, Física e Ciencias da Computación.
Aurora Grandal d´Anglade (Ferrol, 1964) recibe a medalla Antonio Casares Rodríguez, da sección de Química e Xeoloxía. Doutora en Bioloxía da UDC, dirixe o Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal; onde creou o Laboratorio de Paleontoloxía Molecular, pioneiro no territorio nacional. Puxo en marcha un laboratorio específico de ADN antigo, único en Galicia. Céntrase no estudo dos mamíferos fósiles dos xacementos galegos e dirixiu as campañas de escavación nos xacementos paleontolóxicos de Cova Eirós, Liñares e Pala do Rebolal; así como campañas de recuperación de restos óseos en covas do Courel e Mondoñedo. Salienta o seu estudo interdisciplinar de Elba, a muller mesolítica de Galicia, o resto humano máis antigo atopado na nosa comunidade.
David Posada González (Vigo, 1971) recibe a medalla Ángeles
Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da
RAGC. É catedrático de Xenética na Universidade de Vigo. Formouse
en Galicia, Estados Unidos e no Reino Unido; traballou no Centro de
Investigación do Cancro do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts.
As súas liñas de investigación están no campo da evolución
molecular e a bioloxía computacional. Subliñar os seus achados para
a reconstrución de árbores filoxenéticas a través de ferramentas
bioinformáticas; os seus estudos sobre a orixe e evolución do VIH,
virus causante da SIDA. Desde hai uns anos céntrase no estudo da
evolución xenómica do cancro, para o que abriu en 2015 un
laboratorio específico. Durante a pandemia da COVID-19 promoveu a creación dun consorcio cas tres universidades e
os sete grandes hospitais galegos para a monitorización da evolución
xenómica do SARS-CoV-2 en Galicia.
É coautor de dúas patentes sobre marcadores xenéticos de centola.
Cómpre destacar que é o único español cun artigo entre os 100
máis citados da historia da ciencia.
- Jesús Salgado nunha imaxe de Santi Alvite
Jesús F. Salgado Velo (Ferrol, 1958), recibe a medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais. Catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos da USC. O tema central das súas investigacións nos últimos 25 anos é a análise da validez dos instrumentos de selección de recursos humanos en Europa para predicir o desempeño ocupacional, centrándose na predición e a explicación dos comportamentos laborais. A nivel aplicado, sobresaen as súas investigacións sobre as entrevistas de selección de persoal. Os seus traballos publicáronse nas revistas internacionais máis prestixiosas desta especialidade, situándose no posto 34 dos autores máis citados da súa disciplina no mundo. As súas contribucións foron recoñecidas con dous nomeamentos Fellow, máximas distincións da Asociación Americana de Psicoloxía e da Asociación Internacional de Psicoloxía Aplicada, as dúas organizacións máis relevantes no ámbito da Psicoloxía.
Fernando Obelleiro Basteiro (Forcarei-Pontevedra, 1968), catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo foi elixido pola sección de Ciencias Técnicas para recibir a medalla Isidro Parga Pondal. Co seu equipo desenvolveu un método no ámbito do electromagnetismo computacional que supuxo un cambio na dirección das investigacións neste eido. As súas contribucións científicas están a ter aplicación na industria (sectores de telecomunicacións, naval, aeroespacial e defensa). Mantén unha estreita colaboración con Navantia e a Armada Española, introducindo importantes melloras nos buques militares desde o punto de vista do electromagnetismo computacional, axudando a maximizar as probabilidades de supervivencia nos buques en escenarios hostís.
Ricardo Cao Abad (A Coruña, 1965), recibirá a medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación. Catedrático de Estatística e Investigación Operativa na Universidade da Coruña, a Academia recoñece a aplicación dos seus traballos en campos tan relevantes como a computación, xenética, neurociencia, oncoloxía, enerxía ou a matemática financeira. Ten desenvolto unha intensa actividade en consultaría estatística en ciencias da saúde, no contexto da enxeñaría naval, no sector comercial e na industria. Desde marzo de 2020 preside o comité de expertos da Acción Matemática contra o Coronavirus, creado polo Comité Español de Matemáticas. Foi nomeado Fellow do Instituto de Estatística Matemática e galardoado coa Medalla da Sociedad de Estadística e Investigación Operativa. Na actualidade lidera un proxecto do Instituto Nacional de Estadística (INE) para a mellora do procesamento de datos.