A Universidade de Vigo ocupa o noveno posto na creación de empresas de base tecnolóxica
martes, 8 de maio do 2012

- O vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán
Entre o ano 2002 e o 2010,
creáronse no seo da Universidade de Vigo un total de 15 empresas de base
tecnolóxica, unha cifra que levou á entidade académica a ocupar o noveno posto
nacional no ranking de creación de
spin-off.
Son datos que nos chegan do Observatorio para o seguimento da I+D+i
Universitaria Española, Iune, que vén de realizar un estudo co que dar
conta da actividade investigadora e produtora levada a cabo en 73 universidades
españolas públicas e privadas.
Ao fío deste informe, do que
tivemos coñecemento grazas á súa publicación
no DUVI, o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán,
apuntou que para a institución é “prioritario
que a investigación que se está a facer polos diferentes grupos de
investigación teña a medio e longo prazo aplicación real na industria”;
neste senso, na Universidade de Vigo destacan ámbitos como o tecnolóxico e o
científico onde profesorado e alumnado están a facer investigacións básicas,
sempre orientadas á súa posible aplicación na vida real.
A entidade académica galega tamén
resultou a sexta de España en produtividade, entendida esta polo número de
patentes rexistradas por cada cen profesores, que no caso da de Vigo o ratio quedou en 0,81; por outra banda, e
en relación a números absolutos, a nosa foi a undécima do Estado, cun total de
69 patentes rexistradas.
Entre as patentes máis
importantes citadas como exemplo no DUVI destacan un sistema de refrixeración
para barcos, un biorreactor de residuos orgánicos procedentes de estacións
depuradoras de augas residuais, un dispositivo de despregue de antenas para
satélites artificiais ou un acumulador de enerxía mediante discos magnéticos
supercondutores.
E é que o panorama de
spin off constituídas ao amparo da
incubadora viguesa mostra un futuro moi prometedor, e como mostra
representativa temos o caso da firma Imatia Innovación, que recentemente recibiu o
recoñecemento internacional ao incluírse no Top 100 das empresas
tecnolóxicas europeas máis innovadoras.
