A aplicación de Xbox chega aos PC con procesador ARM

mércores, 21 de xaneiro do 2026 Redacción

A aplicación de Xbox xa se pode utilizar en todos os ordenadores con Windows 11 baseados en arquitectura ARM, un paso máis na estratexia de Microsoft para ampliar o ecosistema de xogos en PC e mellorar a compatibilidade en novos dispositivos. A chegada da aplicación permite aos usuarios destes equipos descargar, xogar e xestionar a súa biblioteca do mesmo xeito que nos sistemas tradicionais con procesadores x86.
Actualmente máis do 85 % dos xogos dispoñibles no servizo son xa compatibles cos PC con Windows 11 baseados en ARM. Para aqueles títulos que aínda non poden executarse de xeito local, Microsoft lembra que Xbox Cloud Gaming continúa a ser unha alternativa funcional mentres se amplía a compatibilidade.
Un dos avances técnicos máis relevantes é a evolución de Prism, o emulador encargado de executar software x86 e x64 en sistemas ARM, que agora admite instrucións AVX e AVX2. Esta mellora facilita a execución de xogos modernos e incrementa o número de títulos que poden funcionar correctamente neste tipo de dispositivos. A isto engádese o soporte de Epic Anti-Cheat, que permite xogar en ordenadores PC con procesador ARM a títulos populares como Gears of War: Reloaded ou Fortnite.
Microsoft destaca tamén a incorporación de Windows Performance Fit, unha ferramenta que orienta aos usuarios sobre que xogos deberían ofrecer un rendemento adecuado en función do hardware de cada equipo, co obxectivo de facilitar a elección de títulos e mellorar a experiencia global.