A banda larga española é un 11% máis cara cá media europea

luns, 20 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

Xa o temos dito máis veces, pero non por iso está de máis relembralo: en España a Sociedade da Información semella unha casa comezada polo tellado. Ou sexa, que o país non destaca en case ningún dos índices europeos en materia de afianzamento social ou empresarial das redes, pero si que bate forte na cuestión do prezo polos accesos a esas redes. Segundo vén de indicar a Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) no seu informe sobre prezos de Internet de alta velocidade presentado hoxe, a banda larga española é un 11% máis cara respecto á medida da Unión Europea.
No dito estudo da CMT (que achega comparativas entre as mellores ofertas comerciais de Rede en decembro de 2008 a través dos distintos países da UE, arestora un total de 27), danse datos de interese sobre os atrancos que cómpre salvar en España para gozar do dereito de estar en liña: a mellor oferta (voz e banda larga) dispoñible no mercado no rango de velocidade que vai dos 2 mb/s ata os 10 mb/s é de 33,3 euros no país, fronte aos 29,8 euros de media que presenta a Unión Europea.
Por certo que segundo informa Banda Ancha facéndose eco de datos presentados no estudo da CMT, Telefónica segue a ser o ex monopolio máis caro de Europa, sendo Yacom a compañía que máis axeitadamente oferta no devandito espectro comprendido entre os 2 aos 10 mpbs.
A cousa cambia un pouco (a favor para a achega española) se o que temos en conta son as velocidades que van alén dos 10 mb/s, condicións que, por outra banda, non soen ser as máis demandadas polos usuarios de a pé (abrangue o 12% do total dos paquetes de banda larga). Neste punto, a mellor proposta do mercado español é un 2,1% inferior á media das mellores ofertas da UE.