A divulgadora científica Tamara Pazos, segunda convidada do programa #CódigoAna

luns, 16 de outubro do 2023 S. P.

O programa #CódigoAna, o espazo de comunicación da coordinadora nacional do BNG, Ana Pontón, terá á divulgadora científica Tamara Pazos como a súa segunda convidada, logo do faladoiro con Pili Pampín (primeira entrega). O programa poderá verse ao completo este venres 20 de outubro ás 20.00 horas. Tamara Pazos é unha comunicadora coruñesa, podcaster e escritora, máis coñecida nas redes como @Putamen_T, que axuda á comunidade internauta, día a día, a tomar decisións para mellorar a saúde e a calidade de vida.
Nesta segunda entrega de #CódigoAna, Pontón e Pazos abordan cuestións como a educación pública, a situación da ciencia e o papel da muller no ámbito científico, o xeito no que nos afecta a nosa presenza en contornas dixitais, a dopamina (que é capaz de producir en nós o algoritmo das redes sociais), a aplicación da ética e da filosofía na ciencia ou como se pode utilizar a divulgación para que o benestar da cidadanía sexa cada vez maior.
#CódigoAna é un espazo d conversas onde a líder do BNG quere ir máis aló do marco estritamente político e mostrar a súa faceta máis humana e persoal a través de charlas con referentes do mundo da cultura, da ciencia, da economía, do audiovisual, do feminismo e de calquera ámbito que hoxe preocupe á sociedade galega.
Tanto os avances deste primeiro programa como a súa posterior versión íntegra poderán verse a través das redes sociais de #CódigoAna nas canles de Facebook, Instagran, X (antiga Twitter) e Youtube, e será emitido coa regularidade que permite a axenda política da líder do BNG.

Adianto do segundo capítulo

Tamara Pazos, biografía

Tamara Pazos Cordal (A Coruña, 1992) é bióloga cun mestrado en neurociencia e especialista no comportamento humano. Declárase “unha orgullosa coruñesa formada enteiramente nas institucións públicas, desde primaria ata o doutoramento”.
Actualmente investiga na súa tese doutoral como utilizar a divulgación científica como prevención de riscos para a saúde. A través de talleres, e da súa conta de Instagram (@Putamen_T, que fai referencia a unha parte do cerebro), intenta descifrarnos como funciona o cerebro no seu conxunto.
Tamén é a artífice do podcast Un humano por persona e a autora dos libros La ciencia aprieta pero no ahoga e Este libro te hará vivir más (o por lo menos mejor), unha revisión da literatura científica sobre o sono ou a alimentación adaptada para todos os públicos. Unha das súas últimas aventuras profesionais é colaborar no programa Saber vivir, de TVE, falando de hábitos, saúde e ciencia.
Nas súas propias palabras, a súa ambición é “compartir todas aquelas curiosidades que a axudan a tomar mellores decisións”.

PUBLICIDADE