A solución galega Tecalis Signature, entre as mellores tecnoloxías de sinatura electrónica do mundo

venres, 5 de febreiro do 2021 Fernando Sarasketa

A empresa galega Tecalis, con sede no Polígono de Milladoiro (Ames), vén de obter un novo e importante recoñecemento á súa excelencia tecnolóxica. Trátase da súa inclusión na lista Top Picks das mellores empresas de solucións de sinatura electrónica a nivel internacional (Best Electronic Signature Solutions), segundo o portal inglés sobre seguridade cibernética Threat Technology, que achega unha escolma de servizos onde se atopan organizacións de Estados Unidos, Suecia, Dinamarca, Francia, Rusia, Australia. Alemaña, Reino Unido e China entre outros países.
Tecalis lembra que os parámetros medidos nas top seleccionadas baséanse na demostración dun rendemento excepcional das organizacións en polo menos una destas categorías: innovación (ideas innovadoras, ruta innovadora cara ao mercado, produto innovador), crecemento (crecemento excepcional, estratexia de crecemento excepcional), así como a xestión e o impacto social.
Tecalis Signature
Tecalis Signature é unha solución para enviar e asinar todo tipo de documentos xuridicamente vinculantes desde calquera dispositivo e con total seguridade, axudando á axilización dos procesos empresariais grazas a un deseño moi intuitivo e unha facilidade e sinxeleza de uso. “A tecnoloxía de Tecalis”, explican fontes da empresa, diferénciase doutras solucións de firma electrónica do mercado porque incorpora “un innovador sistema de verificación da identidade do usuario no propio fluxo da sinatura, é dicir, verifica automaticamente a identidade dunha persoa á vez que esta asina un documento”.
Amais, ten a vantaxe de ser quen de verificar, en poucos segundos, a identidade dos clientes usuarios asinantes, grazas á tecnoloxía KYC (Know Your Customer, coñece ao teu cliente en inglés) mediante o seu sistema de recoñecemento facial e de documentos de identidade (DNI, pasaportes, etc.), asegurando así que unha persoa é quen di ser en calquera acción dixital e, segundo engade Tecalis, “cumprindo coas esixencias legais e as normativas e regulacións vixentes”.
A tecnoloxía é empregada por millóns de usuarios e por grandes corporacións a nivel estatal, entre os que destacan os principais operadores de telecomunicacións en España, que utilizan a tecnoloxía Tecalis para a sinatura de contratos e de operacións de pospago.

PUBLICIDADE