A web da Rede de Polos de Emprendemento achega guías para facilitar a creación de negocios

venres, 9 de agosto do 2024 S. P.

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou este 9 de agosto en Pontevedra a sede da Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia), onde fixo entrega ao presidente da entidade, José Ramón Caldas, de varios exemplares das microguías de emprendemento lanzadas pola Xunta para impulsar a posta en marcha de empresas. Na súa estadía Fernández explicou que estas guías están tamén dispoñíbeis na web da Rede de Polos de Emprendemento.
Tamén fixo saber que está previsto ampliar o seu número para explicar a toda persoa interesada as características ou vantaxes de distintos tipos de negocio, ademais de cuestións como a transmisión de empresas en funcionamento na liña do Plan de remuda implementado para asegurar a continuidade do tecido produtivo.
Nas guías contémplase en primeiro lugar orientación para establecerse como persoa empresaria individual ou autónoma, para impulsar unha comunidade de bens ou unha sociedade civil. Tamén se dá conta dos detalles para emprender mediante unha sociedade limitada ou anónima.
Entre as publicacións figuran recursos xenéricos de utilidade á hora de montar un negocio: sobre tramitación dixital e protección da información, aspectos laborais, aspectos contábeis básicos, aspectos financeiros e contratos e acordos comerciais.