AMTEGA convoca novas probas para obter a ComDix

venres, 13 de marzo do 2026 S. P.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) abre este luns 16 de marzo unha nova convocatoria de probas presenciais de carácter libre para obter a Certificación Galega en Competencias Dixitais (ComDix) de nivel intermedio. As inscricións poderán realizarse ata o 25 de marzo a través da Rede CeMIT.
Esta convocatoria, que ofrece preto de 1.400 prazas, está aberta a toda a cidadanía interesada en acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social ou profesional. As probas realizaranse os días 28, 29 e 30 de abril en horarios de mañá e tarde.
Toda a información específica desta convocatoria pódense consultar na páxina web da rede CeMIT, na que figura o calendario das probas presenciais nas aulas CeMIT de 49 concellos de Galicia, e dende onde se poderán realizar todos os trámites relacionados con esta convocatoria, dende a inscrición ata a consulta de persoas admitidas.
Tras a finalización do prazo de inscrición, e logo da publicación do listado definitivo no caso de que existan prazas vacantes, abrirase un período extraordinario para a súa adxudicación mediante solicitude dos participantes que figuren nos listados de espera.
Os contidos formativos para preparar estas probas de carácter libre están a dispor da cidadanía na plataforma de teleformación da Rede CeMIT. Para obter o certificado ComDix é preciso superar na proba unha enquisa de entre 60 e 70 preguntas tipo test que inclúe a avaliación das 21 competencias que establece o Marco Galego de Competencias Dixitais.
Esta convocatoria é unha das tres publicadas no DOG do pasado 16 de xaneiro, nos niveis de iniciación e intermedio, correspondentes ao primeiro semestre do ano 2026.
Así, estas probas de nivel intermedio seguirán outras de certificación ComDix no nivel Iniciación a finais do mes de xuño. Durante o segundo semestre deste ano 2026 seguiranse convocando de forma periódica estas probas no DOG, tanto nos niveis de Iniciación como Intermedio.