Abel Losada examina coa delegada de Telefónica o importante avance da banda larga en Pontevedra

venres, 3 de maio do 2024 S. P.

O subdelegado do Goberno, Abel Losada, reuníase coa delegada de Telefónica para o noroeste, Paula Rodríguez Beirán, para botar unha ollada ao avance da conectividade en banda larga na provincia de Pontevedra. En cifras: 623.000 unidades inmobiliarias (vivendas máis empresas) das 682.000 existentes na provincia de Pontevedra contan xa con fibra óptica grazas, en boa parte, ás achegas estatais a través do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (ÚNICO) de Banda Larga.
Indo ao encontro, dicir que tamén estivo presente de xeito telemático Ricardo Martínez, responsábel da despregadura de fibra na zona Norte, quen constatou que máis do 91% das unidades inmobiliarias da provincia dispoñen xa de conectividade, a maior parte a través de Telefónica. Telefónica foi adxudicataria da primeira convocatoria do Plan ÚNICO, no ano 2021, na provincia de Pontevedra. A empresa logrou unha subvención estatal de 3,58 millóns de euros co obxectivo de conectar case 18.000 unidades. Este contrato está finalizado, pero Telefónica continúa co seu plan propio de despregadura e ten en curso outras 12.000 conexións, que elevarán a conectividade en banda larga da provincia noutro 1,5%.
Emporiso, con anterioridade a esta xuntanza, Abel Losada reuníase tamén cos responsábeis das outras dúas empresas que están a despregar fibra na provincia e que resultaron adxudicatarias das convocatorias estatais para a provincia nos anos 2022 e 2023. Estamos a falar de Avatel, adxudicataria do ÚNICO 2022 (7,8 millóns de euros de subvención e obxectivo de conectar 22.300 unidades) e Rede Aberta, adxudicataria do ÚNICO 2023 cunha subvención de 7,68 millóns de euros para enganchar outras 18.100 unidades inmobiliarias. Todo este operativo, impulsado polo Goberno de España e financiado cos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) de España, finaliza en decembro de 2025.
En canto ao Plan ÚNICO, sinalar que botaba a andar para garantir a chegada de servizos de banda larga de 300 Mgps simétricos, escalábeis até 1Gbps. Segundo Abel Losada, esta iniciativa do Goberno situou a España como líder en despregadura de fibra óptica en toda Europa, tanto por número de fogares conectados como pola velocidade da conexión.
Paula Rodríguez ofreceu á Subdelegación toda a colaboración de Telefónica para chegar ás cada vez menos unidades inmobiliarias ás que aínda non chegou a despregadura da rede, ben pola súa situación afastada, ben por falta de permisos por parte das Administracións ou persoas propietarias. A este respecto, Abel Losada salientou que: “Galicia, pola súa altísima dispersión territorial e pola súa orografía é todo un reto”. Aínda así lembrou que o Goberno de España garante que onde non sexa posíbel chegar coa fibra garantirase o servizo a través do satélite Hispasat.
Abel Losada deu conta tamén de que a Subdelegación do Goberno remite trimestralmente aos concellos o informe que elabora o Ministerio para a Transformación Dixital e a Función Pública cos municipios que tardan máis de 120 días na tramitación das autorizacións para o tendido da fibra óptica. Co informe solicítanse aclaracións das causas da demora. O subdelegado pediu máis colaboración por parte dos alcaldes e alcaldesas facendo cadaquén o que lle toca e fuxindo do “populismo contraditorio”.


PUBLICIDADE