Alertan do uso de IA nas dobraxes de Prime Video

luns, 27 de maio do 2024 Marcus Fernández

Aínda que é bastante habitual que nas plataformas dixitais estreen series de televisión e películas do Xapón e Corea do Sur sen dobrar ou cunhas dobraxes de moi baixa calidade, nos últimos meses en Prime Video incluíron nalgunhas das súas series coreanas unha dobraxe en español latino que chamou bastante a atención pola súa pouca expresividade, o que leva a denunciar que están a empregar a intelixencia artificial para a dobraxe (detalle sen confirmar pola compañía).
Aínda que o título que está a chamar máis a atención é a comedia romántica Mi chico es cupido, aseguran que o mesmo tipo de dobraxe tamén está presente en series como Fiel al amor e El latido de mi corazón, o que está a suscitar a polémica, xa que supón unha clara destrución de emprego e caída do nivel de calidade das dobraxes.
Resulta curioso ver como, en contraste, os subtítulos si están correctamente localizados ao español de España, polo que poderiamos entender que estamos ante series que, de non subtitularse mediante unha solución de baixo custo, estarían dispoñibles unicamente na súa versión orixinal.
Deixando a un lado cuestións técnicas e éticas sobre o uso da IA, o que parece preciso é que se especifique cando unha pista de audio está xerada sinteticamente, para que os consumidores tomen a decisión informada entre escoitar a versión orixinal ou optar por unha versión de baixa calidade, conscientes de que realmente non atoparán unha interpretación real das palabras que se pronuncien.

PUBLICIDADE