Ames mostra á cidadanía como tirar o máximo proveito dos seus móbiles

venres, 14 de maio do 2021 S. P.

A aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (CeMIT) do Concello de Ames, programou o ciclo Sácalle partido o teu móbil. A través de 4 cursos independentes pero relacionados, durante os meses de maio e xuño, ensinarase como tirar o máximo proveito dos móbiles.
Nestes obradoiros, impartidos todos en horario de 17.30 a 18.30 horas, aprenderase como manexar os dispositivos, o sistema operativo e as súas aplicacións fundamentais para, nos cursos máis avanzados, afondar nas aplicacións de Google que adoitan vir preinstaladas, nas aplicacións móbiles de mensaxería e redes sociais máis importantes, así como nas apps máis interesantes e útiles de outros ámbitos.
O primeiro obradoiro comeza o martes 18 de maio e remata o mércores 27 de maio. Durante estas xornadas impartirase o obradoiro de Introdución ao sistema operativo: apps básicas. Neste curso aprenderase sobre a interface xenérica do sistema operativo e das ferramentas móbiles, axustes básicos e avanzados, e aplicacións básicas por descubrir.
A aula CeMIT tamén ten organizado unha actividade formativa sobre aplicacións de Google que se realizará dende o 31 de maio ata o 3 de xuño. Nel, falarase sobre a maioría de aplicacións de Google que xa veñen preinstaladas nos móbiles. Ademais, botarase luz sobre outros recursos tecnolóxicos que resultan ser moi útiles no noso día a día.
Xuño comeza en Ames co curso de WhatsApp e redes sociais, que se impartirá dende o 7 ao 10 xuño. Nesta ocasión, ensinarase de forma, case exclusiva, nocións para sacar todo o partido ás apps que se empregan a diario: WhatsApp, Facebook, Twitter e outros servizos de mensaxería e redes sociais.
Por último, como peche do programa, impartirase un obradoiro no que se aprenderá sobre outras aplicacións móbiles moi útiles. As persoas interesadas poderán asistir a este obradoiro dende o 14 ata o 17 de xuño. Trátase do curso final do ciclo no que se descubrirán moitas ferramentas que poden facilitar a vida no día a día: edición de imaxes e vídeos, xestión da nosa economía, listas da compra, receitas, deporte...

PUBLICIDADE