Anbernic suspende a venda de consolas chinesas en EE.UU.

luns, 21 de abril do 2025 Marcus Fernández

Nos últimos anos gañaron moita popularidade as consolas portátiles de fabricación chinesa con factores de forma semellantes aos da Game Boy, a Nintendo DS, a PSP, a Nintendo Switch e outras máquinas semellantes pero que, en vez de servir para correr xogos para elas, estaban equipadas con emuladores para gozar de xogos clásicos de consolas retro e dos salóns recreativos do século pasado.
Deste xeito, os usuarios nostálxicos que querían rememorar os vellos tempos, pero non estaban pola labor de recuperar unha vella consola, recorrían en moitos casos a unha destas consolas económicas capaces de reproducir milleiros de xogos clásicos, e unha das marcas máis relevantes que as fabrica, Anbernic, vén de mudar as súas condicións de envío nos EE.UU., suspendendo todos os pedidos de China a EE.UU. ante a incerteza que supoñen os aranceis.
Ao parecer non está a ser a única compañía chinesa que está a optar por apartarse do mercado estadounidense temporalmente, mentres non se normalicen as condicións de importación, para así poder establecer axeitadamente os prezos dos seus produtos.
En contraste, Nintendo anunciou que polo momento mantén o prezo en EE.UU. da Nintendo Switch 2, aínda que adiou o proceso de reservas da nova consola até o vindeiro día 24. Está previsto que a Switch 2 chegue ás tendas de todo o mundo o 5 de xuño.