Apple presenta o seu casco de realidade aumentada

luns, 5 de xuño do 2023 Marcus Fernández

Durante a conferencia de apertura da WWDC23, Tim Cook saíu ao escenario a presentar One More Thing, o que resultou ser o casco de realidade aumentada Apple Vision Pro, que a compañía da mazá describe como un revolucionario ordenador espacial que achega contido dixital ao mundo físico á vez que permite estar presente e conectar cos demais.
Este dispositivo que funciona con visionOS aproveita o coñecemento desenvolvido durante os últimos anos co software de realidade aumentada de Apple, pero consegue levar a experiencia un paso máis adiante do resto de solucións que hai no mercado ao integrar no casco unhas pantalla de ultra alta resolución que reparten entre ambos ollos 23 Mpíxeles, ou sexa, que sería o equivalente a ter unha pantalla 4K para cada ollo (cando a meirande parte das solucións no mercado aproxímanse a unha resolución Full HD), o que confían que permite unha maior inmersión e a posibilidade de amosar contidos propios de equipos informáticos, pero integrados virtualmente no noso contorno.
Deste xeito o Apple Vision Pro servirían para facer as funcións de pantalla de cine, para simular varios monitores no noso escritorio ou para gozar das típicas experiencias de realidade aumentada que podemos ver no iPad ou no iPhone, pero dun xeito máis persoal, xa que o casco reproduciría nas súas pantallas toda esa información mesturada co contorno que nos rodea, que rexistraría de xeito estereoscópico (ou sexa, tendo en conta o seu volume).
Apple cre que este tipo de tecnoloxía pode empregarse de xeito natural combinando a vista do usuario, as mans e a voz, ou sexa, que fuxe dos mandos polos que apostan os cascos de realidade virtual para xogar (aínda que estes tamén permiten detectan mans e recoñecen voz dende hai bastante tempo), e integrarían tamén un sistema de son espacial para que as experiencias fosen aínda máis inmersivas.
Un dos detalles máis interesantes desta solución de Apple é que sería compatible con moitos traballos previos para iOS e iPadOS, de xeito que poderiamos ver como no noso contorno flotan aplicacións propias dos dispositivos de Apple, como poderían ser as videoconferencias, o software de presentacións, o software de oficina... ou sexa, que se centran bastante nas posibilidades desta tecnoloxía para o traballo.
Unha das cousas máis rechamantes do casco de Apple é que inclúe EyeSight, que é unha especie de pantalla exterior que en tempo real pretende simular os ollos do usuarios, dando a impresión de que o Apple Vision Pro é unha máscara de mergullo, xerándose tal imaxe de xeito sintético, polo que haberá que ver se conseguen que resulte natural o efecto ou cree rexeitamento polos usuarios.
O deseño do casco é moi semellante o que podemos ver, por exemplo, co casco Meta Quest 3, aínda que apostando por materiais de alta calidade, e optando por que a batería non estea no propio casco, senón que sexa como unha batería externa conectada mediante MagSafe, de xeito que así alixéirase o peso do casco e permítese un uso continuado maior.
O casco Apple Vision Pro funciona cun procesador Apple Silicon, polo que terá un desempeño notable, e as súas pantallas micro-OLED cunhas lentes que prometen grande nitidez, aínda que tamén pensaron nas persoas con carencias visuais, e será posible empregar acoples da marca ZEISS para corrixir os problemas de visión mantendo a fidelidade visual e a precisión da tecnoloxía de seguimento de visión integrada.
Este novo produto está equipado con 12 cámaras, 5 sensores e 6 micrófonos, polo que realmente estamos ante un desenvolvemento notable, cun grande potencial, pero tendo como grande dúbida a súa promesa de permitir o seu uso durante todo o día, non tanto porque a súa batería só dure até 2 horas, senón polo mero feito da fatiga que pode provocar o seu uso continuado.
Pese ao prometedora que poida resultar esta tecnoloxía, parece estar bastante lonxe do grande público, xa que o casco Apple Vision Pro sairá á venda a primeiros de 2024 a un prezo que partirá dos 3.499 dólares, para chegar logo a máis países, polo que non parece que vaia ser un produto que na súa primeira versión vaia ser un grande éxito, o que tamén podería provocar reticencias por parte dos desenvolvedores, que dificilmente atoparán rendible investir esforzos nun produto de elite.

Vídeo promocional do casco Apple Vision Pro

PUBLICIDADE