As lentes Ray-Ban Meta poderán responder preguntas sobre o que temos diante a partir da vindeira semana
mércores, 23 de abril do 2025
As lentes Ray-Ban Meta recibiron as funcións de IA en España o pasado mes de novembro, pero dun xeito moi limitado, xa que a intelixencia artificial de Meta non tiña activadas as capacidades multimodais en Europa, pero iso está a mudar, e ao igual que as lentes Ray-Ban Meta xa poden tirar proveito das imaxes captadas coa súa cámara en Reino Unido, e finalmente confírmase que poderemos gozar das funcionalidades completas deste dispositivo en Europa en poucos días.
Meta anunciou hoxe a chegada de Meta AI ás lentes da compañía en Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Noruega, Suecia e Finlandia, asegurando que neses territorios tamén se activaba a función de tradución en vivo. Pero con este anuncio confirman que a semana que vén iniciarán a despregadura das funcións visuais de Meta AI nas lentes en todos os territorios europeos onde está presente, o que inclúe a España. Deste xeito poderemos preguntar ás lentes Ray-Ban Meta sobre o que temos diante, o que pode axudar para ter máis información sobre un monumento, identificar o que temos diante (por exemplo, unha flor) e mesmo traducir textos a outros idiomas (moi práctico durante as viaxes), e todo iso sen ter que sacar o smartphone do peto, conseguindo así que a intelixencia artificial sexa unha funcionalidade moito máis accesible no noso día a día.
