Até 45 porriñesas formáronse xa no programa Galegas Dixitais

xoves, 5 de xaneiro do 2023 S. P.

O Concello do Porriño achegou cifras sobre a participación da cidadanía en Galegas Dixitais. Segundo fan saber fontes do Consistorio, até 45 veciñas participaron xa neste programa de formación para a dixitalización das mulleres. A segunda quenda desta acción formativa, que se iniciara o pasado mes de novembro, rematou co comezo do ano. Logo do éxito obtido nestas primeiras experiencias e debido á demanda de máis actividades desta índole, porase en marcha unha terceira edición para que as interesadas en participar que aínda non puideron facelo non perdan esta oportunidade.
A terceira quenda comezará a finais deste mes de xaneiro ou principios de febreiro e, segundo explicou o Concello, “poderán participar todas aquelas mulleres interesadas que se atopen en situación de desemprego ou que teñan solicitada unha mellora de emprego, co fin de aumentar as súas capacidades e incrementar as posibilidades de atopar un posto de traballo”.
Do mesmo xeito que nas pasadas edicións, todas as participantes recibirán gratis un computador portátil co que realizar o curso e tamén poñer en práctica o que aprenderon unha vez finalizado.
O Concello tamén lembra que o programa formativo contempla tres bloques, de 40 horas de duración cada un deles: Competencias Dixitais Básicas, Competencias Dixitais Avanzadas e Competencias Dixitais para o Emprendemento. As interesadas poden inscribirse xa enviando un correo electrónico a orientacion@porremprego.org ou orientacion@oporrino.org, tamén presencialmente nas oficinas de Porremprego ou chamando ao teléfono 604 039 575.

PUBLICIDADE