Balidea desenvolverá os primeiros asistentes virtuais con IA xenerativa do SERGAS

martes, 17 de febreiro do 2026 S. P.

A firma galega Balidea foi adxudicataria do primeiro contrato do SERGAS para desenvolver asistentes virtuais con intelixencia artificial xenerativa, en palabras da empresa tecnolóxica compostelá “un paso importante que reforza o papel de SERGAS como referente en innovación tecnolóxica no ámbito sanitario”.
Para Balidea trátase dun dos grandes fitos da súa andaina empresarial: “Este proxecto pioneiro permitiranos axudar aos profesionais para mellorar a eficiencia e ofrecer unha atención máis personalizada aos pacientes”.
A plataforma cubrirá casos clave, desde resolver dúbidas sobre tratamentos farmacolóxicos, consultas e resumos de historias clínicas, ata axudar coa codificación de ingresos e a elaboración de informes de alta, así como asistencia rápida baseada en protocolos e aplicacións. Ademais, o proxecto inclúe desenvolvemento, posta en marcha, soporte técnico de terceiro nivel, xestión de incidencias e pilotos, asegurando que todo funcione de maneira sólida e práctica.
Balidea destaca que para o bo desenvolvemento do proxecto cóntase cun compromiso ético e conscientes coas tecnoloxías avanzadas que xa vén de logo: “Dispoñemos da certificación internacional UNE-ISO/IEC 42001, que garante que os nosos sistemas de IA son xestionados de maneira segura, confiable e transparente, dando tranquilidade tanto a profesionais como a pacientes. Todo isto é grazas ao esforzo e innovación dos nosos equipos, e supón un novo paso na nosa aposta por solucións de IA creadas baixo criterios de responsabilidade e útiles para o sector sanitario”.