Chega un renovado Resident Evil 4

venres, 24 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Capcom lanza hoxe Resident Evil 4, remake do xogo homónimo de 2005, que conserva a esencia do orixinal, pero que moderniza a súa xogabilidade, reimaxina o seu argumento e achega uns gráficos máis detallados, de xeito que os usuarios de PlayStation 5, PlayStation 4, Xbox Series X|S e PC (Steam) poden gozar xa deste clásico como se fose un título actual, coa promesa de que recibirá un modo de realidade virtual como contido descargable de balde. Tamén cómpre salientar que o modo de desafío The Mercenaries estará dispoñible como contido descargable de balde a partir do 7 de abril.
Resident Evil 4 colócanos na pel de Leon S. Kennedy 6 anos despois do desastre biolóxico de Raccoon City, a quen encargan o rescate da filla do presidente dos EE.UU., Ashley Graham, que foi secuestrada. Leon ten segue o seu rastro até unha vila do sur de Europa nun país que empregan como moeda as pesetas (sen chegar a dicir que se trata de España) onde ten que enfrontarse a unha enfurecida poboación local.
Leon e Ashley deben percorrer numerosos contornos perigosos controlados polo culto dos Iluminados, e tras fuxir da mencionada vila terán que atravesar un antigo castelo, minas en ruínas e moito máis, enfrontándose a distintos perigos, como aldeáns infectados, cultistas transtornados e inimigos potenciados polo parasito das Pragas.

Tráiler de lanzamento

PUBLICIDADE