Clausurado en Santiago o obradoiro de emprego Genius coa creación dunha app sobre talento local
xoves, 22 de xaneiro do 2026
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais de Santiago, Promoción Económica e Xuventude de Santiago, María Rozas, clausurou este xoves 22 de xaneiro o obradoiro de emprego Genius, que no último ano permitiu que 16 mozos e mozas menores de 30 anos se formaran nas especialidades de desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e produtos audiovisuais multimedia interactivos. O seu traballo permitiu a creación da aplicación móbil Inxenius, unha ferramenta que ten como obxectivo “poñer en valor o talento, o potencial investigador e o saber científico de Santiago”.
Durante o acto de clausura, María Rozas agradeceu o traballo das persoas participantes no obradoiro de emprego “que nos permite reivindicar esa Compostela que ás veces pasa máis desapercibida, que é a da ciencia, a da diversidade económica e a da Universidade da que nos sentimos profundamente orgullosas”.
A tenenta de alcaldesa mostrou tamén o seu desexo de que o obradoiro “permitira que os mozos e mozas participantes abriran novas fiestras no mercado laboral, nun ámbito de enorme proxección como é o das tecnoloxías da realidade aumentada”.
Por último, a concelleira puxo en valor a colaboración entre a Xunta e o Concello nos diferentes obradoiros de emprego “que nos teñen permitido desenvolver outras interesantes apps, pero tamén recuperar espazos verdes para a veciñanza como o Banquete de Conxo, o parque do Berce do Sar ou o Sesteadoiro do Pedroso”.
Na mesma liña pronunciouse o director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Inmigración, Juan José Couce, que participou tamén na clausura do obradoiro e a entrega de diplomas.
Inxenius está dispoñible para IOS e Android e a súa descarga é gratuíta. O seu obxectivo é “visibilizar o talento investigador local e fortalecer o papel de Santiago como polo de atracción de talento, poñendo o foco na Universidade de Santiago e nos seus institutos e centros singulares de investigación”.
A ferramenta convida ás persoas usuarias a descubrir o ecosistema científico compostelán mediante unha experiencia transmedia e inmersiva, cun deseño que busca “xerar curiosidade e facilitar a exploración”, indicaron, subliñando que inclúe un mapa interactivo que permite explorar a rede de institutos e centros singulares de investigación da USC; unha guía en realidade aumentada na que unha personaxe virtual acompaña ás persoas usuarias no seu percorrido pola historia da USC e dos seus centros de investigación; e un scrollytelling científico, para coñecer mellor a actividade e as liñas de investigación de cada equipamento.
Ademais, incorpora pezas audiovisuais breves, ligazóns a gravacións podcast, e diferentes entrevistas co persoal investigador.
O programa de emprego Genius contou cun orzamento de case 440.000 euros e estivo enmarcado na iniciativa de emprego xuvenil e o programa operativo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) Galicia 2021-2027.
