Colle impulso na Tecnópole unha aceleradora de internacionalización: Galicia Avanza

luns, 14 de marzo do 2022 S. P.

A Xunta vén de autorizar o convenio de colaboración entre Vicepresidencia -a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) para impulsar a aceleradora Galicia Avanza, especializada na internacionalización das pemes innovadoras. Destinarase un investimento de 2,24 millóns de euros para celebrar dúas convocatorias entre este ano e o que vén co obxectivo de apoiar 60 iniciativas.
A nova aceleradora, que se porá en marcha nos vindeiros meses na Tecnópole, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas, busca aproveitar a demanda actual social e industrial para que as solucións innovadoras galegas de pemes de calquera ámbito ou sector “acaden presenza e fortaleza no exterior no menor tempo posíbel”.
Para logralo, ofrécese un programa de aceleración de oito meses de duración con itinerarios personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de mercadotecnia, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado. As empresas participantes tamén poderán acceder a servizos de asesoramento, capacitación e formación comercial e técnica e encontros finais para darlles visibilidade.
Tecnópole asumirá o labor de oficina técnica deste programa tendo en conta a súa experiencia previa a través de programas de aceleración como Agrobiotech ou Connect-19, nos que colaborou coa axencia GAIN, ou como espazo de impulso ao emprendemento, xa que será a sede dun dos 11 espazos coworking do IGAPE que se celebrarán ao longo deste ano.

PUBLICIDADE