DIXITEGA comeza este outono a creación e testeo dunha plataforma ao servizo da Tenreira Galega
luns, 2 de outubro do 2023
A
cadea de valor de IGP Tenreira Galega confirmou a necesidade de
contar “cunha plataforma TIC sólida e flexíbel”. Fíxoo nun estudo
pormenorizado sobre as súas necesidades. O resultado será unha
ferramenta avanzada que comezará a corpo este outono, segundo
informou DIXITEGA.
A
devandita é unha das principais conclusións do proceso
participativo realizado polo Grupo Operativo DIXITEGA para impulsar a
dixitalización do sector. Durante este proceso consultouse a súa
opinión a unha mostra de responsábeis da produción, fabricantes de
penso, industria cárnica, distribución ou entidades de
asesoramento. A maiores, a Indicación Xeográfica Protexida
compartiu unha enquisa en liña entre os seus máis de 2.000
asociados para recoller as súas impresións sobre temas
estratéxicos.
Segundo
explican dende DIXITEGA, a análise das respostas determinou varios
dos aspectos críticos que deben impulsar o éxito do sector de IGP
Tenreira Galega. Neste sentido, os consultados destacaron a
necesidade de contar “cunha plataforma TIC de datos sólida e
flexíbel que combine fontes de datos nacionais e internacionais”.
En base a isto, a recepción positiva da plataforma e o seu valor
potencial para mellorar a eficiencia do sector “debería impulsar
un maior desenvolvemento”, sinalan desde a Fundación Juana de
Vega, entidade coordinadora do Grupo Operativo Dixitega e responsábel
do proceso de participación.
A
consulta, entre outras cousas, constatou que existe un interese común
de información especializada como, por exemplo, o desenvolvemento
dun sistema preditivo para estimar o subministro de carne e animais
no mercado para os meses seguintes.
Ademais,
os entrevistados na investigación suxiren utilizar a plataforma como
medio de comunicación para difundir eventos, subvencións,
lexislación, alertas sanitarias ou promover actividades de
capacitación.
Tras
este traballo previo, este outono dará comezo a terceira fase de
traballo para crear e testear a plataforma tecnolóxica DIXITEGA, que
será presentada a finais de 2024. O obxectivo final desta ferramenta
TIC será “facilitar o acceso e manexo conxunto de fontes públicas
e privadas relevantes para a cadea de valor da IGP dunha forma
concisa, contrastada e visual que mellore a toma de decisións”.
En
paralelo ao desenvolvemento da aplicación, organizaranse xornadas de
formación para aprender a usar a plataforma, consolidar o seu uso
entre os socios e mostrar como trasladar novos datos que a manteñan
actualizada.
DIXITEGA
conta cun orzamento de 176.329,19€ financiado pola Consellería do
Medio Rural a través do Plan de Desenvolvemento Rural. Ademais da
Fundación Juana de Vega (coordinadora), participan a Fundación
Centro Tecnolóxico da Carne, o Consello Regulador das IGPs de Carne
de Vacún de Galicia, AGRIGGA Carne SCG e a Fundación Centro
Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). As
entidades colaboradoras son o CIAM (Centro de Investigacións
Agrarias de Mabegondo), ACRUGA e DIH Datalife.