Do Brasil á Coruña: Ana Rute Mendes consolida a súa carreira no software libre en Igalia
venres, 13 de marzo do 2026
Co gallo do Día Internacional da Muller dende WordPress Coruña e o GPUL tiveron a ben organizar un debate sobre o rol das mulleres no ámbito tecnolóxico, no que participou a desenvolvedora brasileira Ana Rute Mendes, quen actualmente traballa para Igalia na cidade da Coruña.
—Antes de nada, gustaríanos saber como unha brasileira se traslada a Galicia para traballar nunha empresa tecnolóxica. Fuches ti a que quixo mudarse á nosa terra ou o traballo que ías desempeñar precisaba de certa presencialidade?
—Si. Sempre tiven o desexo de pasar un tempo fóra do Brasil e, por razóns políticas, decidín marchar arredor de 2018. Como Igalia axuda co visado de traballo para vir a España, acabamos vindo para aquí un pouco por casualidade. Mudeime sen ter pisado nunca A Coruña antes e quedei encantada!
—A xeito de curiosidade, podes comentarnos como foi o teu achegamento á realidade lingüística galega? Foi unha sorpresa que tivésemos unha lingua de nosa en Galicia?
—Foi unha moi boa sorpresa! Sabía que había unha lingua propia, pero non sabía que era nai da miña lingua nativa, o portugués. Creo que a cultura e a lingua galega axudaron moito á miña adaptación; somos moito máis próximos do que esperaba.
—O teu perfil é bastante curioso, pois aínda que o teu traballo parece propio da enxeñaría informática, a túa formación transcorreu por un itinerario diferente. Que motivou iso? Cres que é preciso derrubar os prexuízos que existen sobre as enxeñarías para atraer ao estudantado feminino?
—Desde nova sempre me interesaron moito a tecnoloxía e os computadores, e meus pais sempre me animaron. Por iso, durante o ensino medio estudei nun instituto similar ás FP de aquí, que foi onde realmente comecei a aprender programación. Xa preto de entrar na universidade, pensei que xa non quería seguir e que non me gustaría traballar na informática; porén, necesitaba traballar para conseguir o meu diploma e ao final sempre comecei a traballar neste ámbito e nunca saín del. Ao principio nun nivel máis alto, con deseño web e front-end, pero volvín afondar na programación cando tiven a miña propia startup, porque necesitaba apañarme e a autonomía de saber programar foi o que me trouxo de volta a esta carreira. Sen dúbida debemos ensinar ás nenas desde novas que estas carreiras son para todo o mundo.
—E como levaches o feito de realizar o teu propio emprendemento empresarial no Brasil? Cres que é un proceso enriquecedor aínda que remates traballando por conta allea?
—Creo que foi o período no que madurei máis rápido na miña carreira. Ao ter un emprendemento é necesario facer un pouco de todo e aprender sobre moitas áreas da empresa, desde a xestión de proxectos ata a xestión de persoas, o márketing e as vendas. Ademais, como os recursos sempre eran moi limitados, cómpre ser moi creativa para solucionar problemas e manter a empresa viva. Aínda que non seguín como emprendedora, sen dúbida foi un período que me preparou para poder traballar en calquera tipo de empresa e equipo.
—Precisamente tes experiencia na formación en liña, un tema que non para de colocarse sobre a mesa á hora de deseñar políticas educativas. Cal é a túa postura ao respecto? É precisa unha revolución? Ten sentido afastar aos cativos das pantallas cando no mundo real estamos rodeados delas?
—Creo que é imposible illar as pantallas da aprendizaxe cando estamos todos rodeados delas. Sempre fun partidaria de usar a tecnoloxía ao noso favor e empregala como unha ferramenta que abre posibilidades. Pero, claro, non é un proceso doado: hai que entender os puntos positivos e negativos e crear estratexias sobre como extraer o mellor destas novas tecnoloxías.
—Que che levou a introducirte no mundo do software libre? É algo que xurdiu espontaneamente ou responde a un xeito de entender o mundo pola túa banda?
—Foi un pouco por casualidade. Durante o período da facultade tiña moitos amigos informáticos que formaban parte de grupos como GPUL e identifiqueime moito cos seus valores, polo que comecei a interesarme bastante. Na miña carreira sempre tentei usar Linux e ferramentas abertas, e o que realmente me introduciu no mercado do open source foi participar no programa Outreachy, creado precisamente para axudar a incluír persoas pouco representadas en proxectos de código aberto.
—Como explicarías á xente que é posible facer carreira no mundo do código aberto?
—Non só é posible, senón que son profesionais bastante demandados, sobre todo en proxectos como o Linux Kernel e os motores de navegadores web. Ás veces pode ser un pouco difícil entrar nestes proxectos, pero as comunidades adoitan ser receptivas e hoxe existen programas como Outreachy, Google Summer of Code ou o noso propio Igalia Coding Experience que axudan ás persoas que queren comezar nesta área. Eu diría que unha habilidade moi importante e da que non se fala tanto é a curiosidade: ir detrás de tentar entender como funciona un proxecto que utilizas, como é a comunidade que hai detrás e como podes comezar a contribuír. Moitas persoas comezan colaborando con cousas fóra do código, como traducións, pequenas correccións de erros tipográficos ou documentación, e pouco a pouco van entrando máis na parte de código.
—Pero non só estás nun contorno laboral que xira ao redor do software libre, senón que tamén ten certa escala global. Como levas iso de traballar con compañeiros espallados polo mundo? Podemos dicir que é algo que se normalizou tras a pandemia?
—Gústame moito traballar con persoas de culturas diferentes da miña; faime medrar moito persoalmente e ter máis empatía. Sobre o traballo remoto, creo que achega unha calidade de vida moi boa e permíteme ter máis tempo para a miña vida fóra do traballo. Desde antes da pandemia xa traballaba nunha empresa remota e global, así que no meu caso persoal non cambiou moito, pero vin moitos amigos adaptándose ao traballo remoto por causa da pandemia. É unha mágoa que algunhas grandes empresas estean agora forzando a volta á presencialidade.
—No contexto laboral no que te moves actualmente, segue a padecerse unha falla de diversidade? Percibes cambios nos últimos anos?
—En Igalia esforzámonos por posicionarnos a favor da diversidade e tentamos ser un lugar seguro e inclusivo para persoas de contextos e culturas diferentes. Aínda así, é difícil acadar unha igualdade de xénero elevada: a cantidade de persoas que se presentan para entrar na empresa e que se identifican co xénero masculino segue sendo moito maior que a das outras. Non sabería dicir se está a cambiar; a miña impresión persoal (sen ver cifras) é que hai uns anos houbo un aumento de mulleres na tecnoloxía, pero ultimamente diminuíu de novo ou mantívose pequeno.
—No caso da Coruña pode resultar curioso que os grandes referentes no ámbito da intelixencia artificial sexan mulleres. O feito de que a tecnoloxía sexa cada vez máis transversal pode mudar a visión machista que impera?
—Sen dúbida. As tecnoloxías, especialmente a IA, levan consigo ideoloxías e prexuízos das persoas que as programan, polo que canto máis persoas con contextos diferentes participen na súa creación, máis inclusiva será a tecnoloxía.
—Na túa traxectoria, topaches coa toxicidade que moitos denuncian nos ámbitos máis técnicos? Ou iso xa é cousa do pasado?
—Si, por desgraza aínda acontece e probablemente seguirá acontecendo mentres non teñamos máis igualdade de xénero nos lugares de traballo. En empresas anteriores pasei por situacións desagradables con compañeiros e ex-compañeiros de traballo que só ocorreron por ser eu muller.
—E, de cara o futuro, como te ves? Especializándote no tipo de traballo que fas actualmente ou experimentando nos ámbitos que esperten o teu interese?
—Sempre tiven un perfil bastante xeneralista e o que realmente me move é solucionar problemas, polo que estou sempre experimentando con ferramentas novas e ampliando os meus coñecementos para ter máis autonomía e poder desenvolver cousas novas.
—Xa para rematar, podemos contabilizarte xa como un referente galego no sector tecnolóxico ou tes pensado seguir movéndote polo mundo?
—Non sei se me chamaría referente tecnolóxico, pero gústame moito participar en comunidades e contribuír como podo. Aquí na rexión vin moitas comunidades locais fortalecéndose e gústame poder formar parte diso, aínda que sexa de maneira esporádica. Síntome moi afortunada por ter acabado en A Coruña: fun moi ben recibida e, polo momento, non teño plans de marchar; xa considero este lugar a miña casa.
