En marcha a novena edición de campaña Toponimízate, na que participarán 12 novos concellos
luns, 20 de abril do 2026
Santiago (a Cidade da Cultura) acolleu a presentación da novena edición da campaña Toponimízate. Falámosche dos noves da túa terra, iniciativa coordinada pola RAG (en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua) e enmarcada no proxecto Galicia Nomeada para favorecer a incorporación de nomes de lugar a través do uso de dispositivos e ferramentas dixitais. Na presentación participaron o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen destacou “a importancia da implicación da veciñanza coa conservación e recuperación dun dos nosos maiores tesouros, que é a toponimia”.
Na cita tamén estiveron presentes a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, María Coutinho; e mais o encargado de impartir as charlas, Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG.
Sinalaron que nesta nova edición de Toponimízate participarán 12 novos concellos, “polo que teremos alcanzado nestes anos un total de 120 municipios”.
Henrique Monteagudo animou a veciñanza e as asociacións dos concellos implicados en Toponimízate 2026 a asistir ás charlas e se sumar a Galicia Nomeada. “Alén de poñermos en valor a importancia histórica e cultural da toponimia, con esta iniciativa tamén se potencia a función que exerce este valioso herdo como unha maneira de vincular afectivamente a xente coa terra”, destacou. O presidente da RAG referiuse ademais á función informativa duns encontros nos que haberá ocasión de comentar os cambios rexistrados na actualización do Nomenclátor de Galicia, levada a cabo polo Seminario de Onomástica da Academia e recentemente aprobada pola Xunta de Galicia.
Nesta liña, Valentín García sinalou que “ao incorporar máis persoas e identidades, seguimos a dar un relevante pulo a unha campaña que é todo un referente na preservación deste patrimonio inmaterial tan importante para a nosa identidade”. Apuntou tamén que a importancia de contar coa colaboración da cidadanía “quedou demostrada recentemente co traballo realizado para a actualización do Nomenclátor de Galicia, onde foi de grande axuda a colaboración da cidadanía para xeorreferenciar unha grande cantidade de microtopónimos, recollendo a tradición oral asociada aos nomes dos nosos lugares".
4.300 colaboradores e 110.000 microtopónimos
Durante e presentación lembrouse que actualmente xa participan no proxecto Galicia Nomeada, o marco no que se desenvolve a campaña Toponimízate, 4.300 colaboradores grazas aos que se levan introducido neste momento na plataforma preto de 110.000 microtopónimos. Trátase de nomes vencellados a montes, terras, fontes, camiños, regos, penedos ou praias, entre outros.
Esta mañá Santiago acolleu a presentación da novena edición da campaña Toponimízate. Falámosche dos noves da túa terra, iniciativa coordinada pola RAG (en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua) e enmarcada no proxecto Galicia Nomeada para favorecer a incorporación de nomes de lugar a través do uso de dispositivos e ferramentas dixitais. Na presentación participaron o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen destacou “a importancia da implicación da veciñanza coa conservación e recuperación dun dos nosos maiores tesouros, que é a toponimia”. Para a elección das 12 localidades que participan nesta nova quenda de charlas tivéronse en conta tres criterios principalmente: o estado de recolleita da súa toponimia tradicional, a ameaza que supón o despoboamento para a perda desta patrimonio, e o propio interese que amosaron as corporacións locais ou outras entidades culturais e veciñais en que a campaña visitase o seu municipio, como é o caso de Betanzos, Valdoviño, O Pereiro de Aguiar, Xunqueira de Ambía ou Moraña.
A campaña Toponimízate está baseada en relatorios divididos en diferentes fases. Así, primeiro faise unha introdución xeral para que as persoas asistentes coñezan a riqueza toponímica que ten Galicia e, tras esta presentación, explícase minuciosamente o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, coa que a veciñanza poderá engadir na plataforma os topónimos que coñeza e a tradición oral vencellada a eles.
Por último, explícanse as utilidades prácticas para a Administración, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral, desta información cultural, unha vez está xeorreferenciada e normativizada. Á vez, tras a recente aprobación do novo Nomenclátor de Galicia, tamén se fará referencia aos cambios introducidos que teñan que ver ese concello en particular, explicando as motivacións desas modificacións.
Charlas desde abril a outubro
As charlas realizaranse desde este mesmo mes de abril ata outubro. Así, o concello encargado de abrir a campaña será Moraña, o mércores 22 de abril, nunha cita á que está convidado o colexio Santa Lucía. O seguintes cinco encontros terán lugar en Poio , o 9 de maio; en Xunqueira de Ambía, o 22 de maio; en Valdoviño, o 29 de maio; en Betanzos, o 5 de xuño, e en Baleira, o 26 de xuño.
O calendario previsto continuará en Quiroga, o 28 de agosto; en Paradela, o 4 de setembro; no Pereiro de Aguiar, o 11 de setembro; no Bolo, o 25 de setembro; nas Neves, o 2 de outubro, e en Boimorto, o 9 de outubro.
