GaliciaPMS pon a exame as ferramentas de xestión de información persoal

mércores, 5 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

Captura do software de xestión aberto Novell Evolution

A web de GaliciaPMS, servizo posto en marcha pola Consellería de Innovación para ter informadas ás empresas galegas das oportunidades en liña afianzarse e medrar, vén de dar conta polo miúdo das máis salientables vantaxes e posibilidades das ferramentas de Xestión de Información Persoal dispoñibles no mercado, PIM nas súas siglas en inglés. O informe, presentado a maneira de estudo práctico ou manual de introdución e uso, párase nos conceptos máis básicos da cuestión (como as propias ferramentas englobadas dentro do termo “PIM”: dispositivos PDAs e aplicacións como por exemplo KDE-PIM, Novell Evolution, Thunderbird + Lightning, Microsoft Outlook ou Chandler) e tamén nos máis avanzados (como as funcións mesmas destes recursos e polo miúdo). Respecto a isto último, dicir que en liñas xerais permiten xestionar de maneira eficaz o tempo dos usuarios que as empregan permitindo un maior desenvolvemento persoal e axilidade.
As aplicacións PIM, informa o LaboratorioPMS, permiten entre outras cousas a xestión de contactos, tarefas, citas e correo electrónico, achegando unha solución integral para a produtividade diaria dos seus usuarios.
Asemade, posibilitan a sincronización con teléfonos móbiles e PDAs, non só cos computadores.
O informe do servizo web da Consellería de Innovación tamén se para no propio funcionamento interno destas ferramentas, unha por unha das devanditas, moitas delas interactuando a xeito de axenda e de recursos de busca de datos incluídos nela. Neste senso, no de abrir novos vieiros ao eido das axendas dixitais, o estudo fai especial mención de programas de VoIP como Skype, software que permite facer en liña chamadas telefónicas convencionais e que posibilita a comunicación automática dende o PC ao contacto seleccionado. O informe compleméntase cunha descrición das vantaxes dos principais recursos accesibles arestora na Web, algúns dos cales, é o caso de Novell Evolution, xorde directamente do espírito do software libre, polo que se pode chegar a ela de balde e en versión para escritorio Gnome ou para Windows a través do sitio web www.dipconsultants.com/evolution.

PUBLICIDADE