Ghost of Yōtei chegará a PS5 en outubro
mércores, 23 de abril do 2025
Cinco anos despois do aclamado Ghost of Tsushima, os creadores do xogo anuncian a chegada de Ghost of Yōtei, un novo título ambientado no Xapón feudal que promete herdar e expandir a fórmula de éxito do seu antecesor. O lanzamento está previsto para o 2 de outubro de 2025, en exclusiva para PlayStation 5.
Aínda que as tramas non están directamente conectadas, o equipo desenvolvedor considera este novo xogo como unha continuación espiritual do camiño de Jin Sakai. Nesta ocasión, o protagonismo recae en Atsu, unha muller que regresa á súa terra natal en Ezo (a rexión que hoxe coñecemos como Hokkaidō) para cobrar vinganza contra os Seis de Yōtei, a banda de foraxidos que lle arrebatou a vida e a familia dezaseis anos atrás.
A narrativa, centrada inicialmente na vinganza, evoluciona cara a unha viaxe de descubrimento persoal, encontro con aliados inesperados e reconstrución dunha identidade perdida. O tráiler titulado A listaxe de Onryō ofrece unha primeira ollada a este universo, mestura de beleza e brutalidade, onde o xogador poderá decidir a quen dar caza primeiro e como explorar un mundo aberto que promete máis liberdade e variedade ca nunca.
Entre as novidades destacadas, Ghost of Yōtei introduce unha mecánica para revivir episodios do pasado de Atsu e comprender o alcance da súa dor. Ademais, os xogadores poderán acender fogueiras para descansar en calquera lugar, atopar mestres de armas para mellorar habilidades ou completar misións alternativas para conseguir recompensas.
A partir do 2 de maio abriranse as reservas, con tres edicións dispoñibles: Estándar, Dixital Deluxe e Coleccionista. Todas as reservas incluirán unha máscara exclusiva no xogo e un set de sete avatares de PSN.
A listaxe de Onryō é o tráiler que nos ofrece a primeira ollada ao universo de Ghost of Yōtei