HBO Max tamén tomará medidas contra compartir contas

luns, 4 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Despois de que Netflix conseguise incrementar o seu número de subscritores tras tomar medidas contra as contas compartidas, puidemos ver como Disney+ se apresurou a seguir os seus pasos prohibindo compartir conta fóra do fogar (con medidas que poderían comezar a aplicarse a partir do vindeiro día 14), polo que non debería sorprendernos o anuncio de que HBO (que está a desenvolver a súa transformación na marca Max en todo o mundo) tamén vai prohibir compartir conta.
Esta nova política iría na liña da revolución que está a vivir Warner Bros. Discovery, que tamén virou considerablemente o seu temón o pasar de explotar directamente os seus contidos a ofrecerllos masivamente a competidores como Netflix (onde están a funcionar mellor que en HBO Max).
Sobre a prohibición de compartir conta, aseguran que comezaría a implantarse a finais do presente ano, polo que podemos entender que xa a recollerán as condicións de uso de HBO Max cando mude de marca en España para chamarse simplemente Max, deixando claro que a plataforma conta cuns obxectivos totalmente distintos que os que orixinalmente tiña HBO, aínda que sorprenda que vaian desprenderse dunha marca de tanto prestixio.

PUBLICIDADE