Imaxin e Política Lingüística colaboran para ter listo en primavera un corrector de galego para Mac

martes, 6 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Os produtos Mac andaban abondo precarios no que se refire ó respecto por certas linguas, incluída a nosa (tivo que ser a comunidade de software libre a que se adiantara, a través do Open Office), e xa van alá moitos anos mantendo esta curiosa política de mercado como para que sexamos quen de enviarlle a Apple os parabéns pola nova de que en breve (concretamente en primavera) imos ter ó noso alcance un novo corrector ortográfico para a lingua galega. Máis probablemente haxa que atribuír o mérito á empresa Imaxin e á Secretaría Xeral de Política Lingüística, que segundo reflicte estes días Vieiros veñen de asumir o compromiso de ter desenvolvida a ferramenta nos meses de abril ou maio, co fin de comezar a distribuíla en xullo.
O corrector de galego vai encamiñado (sobre todo) a facilitarlle as tarefas cotiás ás empresas de artes gráficas e as editoriais, por ter estes sectores especial predilección polos produtos da empresa Apple. Segundo informou Política Lingüística ó devandito xornal galego en liña, o seguinte paso será desenvolver un verificador gramatical. Polo momento, non hai información sobre se haberá en breve tradución ó galego dos sistemas operativos enteiros de Mac.

PUBLICIDADE