Impulsa TIC da Deputación de Lugo arrinca na Fonsagrada coa previsión de modernizar 52 concellos

martes, 16 de abril do 2024 S. P.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mantivo este martes 16 de abril un encontro na Casa do Concello da Fonsagrada cos alcaldes da comarca da Montaña para avanzarlles que este mércores 17 arranca a implantación do Impulsa TIC nos 52 concellos que decidiron adherirse a este novo proxecto da institución provincial. Trátase, dixo, “dun programa a través do que a Deputación achegará gratis ferramentas tecnolóxicas ás entidades locais para avanzar na súa transformación dixital, e deste xeito, mellorar a xestión municipal e ofrecer un mellor servizo á cidadanía”.
Engadiu que para desenvolver o programa (que estará finalizado despois do verán) a Deputación conta cun investimento de 4,5M€ de fondos que conseguiu da Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. José Tomé subliñou que “con estas ferramentas e equipamentos tecnolóxicos os concellos poderán prestar un mellor servizo público aos seus veciños e veciñas, pois gañarán en proximidade, transparencia e axilidade na tramitación e na xestión diarias”. Salientou ademais que a modernización tecnolóxica da administración “é de capital importancia para a nosa provincia porque ofrecer á xente unha atención máis áxil e ser máis útiles é un elemento esencial para poder fixar poboación no territorio, sobre todo no rural”.
O presidente incidiu no respecto á autonomía municipal co que a Deputación desenvolve este novo proxecto, pois estivo aberto a todos os concellos de menos de 20.000 habitantes e decidiron voluntariamente adherirse 52. “Ademais”, dixo, “foron as propias entidades locais as que lle trasladaron á institución cal é a súa situación particular en materia dixital, o seu punto de partida e as súas prioridades para, a partir de agora, proporcionarlles os recursos máis axeitados a esas necesidades específicas, que se distribuirán do mesmo xeito que o Plan Deputación, seguindo criterios obxectivos”.
No acto tamén participou o deputado de Medio Ambiente e alcalde da Fonsagrada, Carlos López; o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; e os alcaldes de Navia de Suarna, José Fernández Fernández; e de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico.
Arrancan as auditorías
O responsábel da sección de Novas Tecnoloxías da Deputación, Nicolás Fariña, avanzou a folla de ruta que desde a institución provincial se seguirá da man dos concellos para desenvolver os proxectos e avanzar na súa transformación e modernización dixital. Segundo explicou, este mércores 17 comezan as auditorías da situación informática das entidades locais, con visitas presenciais e telemáticas, “que permitirán coñecer o estado de cada concello e detectar así os puntos a mellorar e avanzar”. Esta diagnose, dixo, volverase repetir ao final do programa para avaliar os obxectivos acadados e o avance en dixitalización que logrou cada un dos municipios participantes.
A institución provincial ten en proceso de contratación os diferentes servizos e subministracións necesarias para a execución do Impulsa TIC por un importe que ascende a 4,5M€. Entre as accións a levar a cabo están a dixitalización do Rexistro; a integración do tramitador electrónico coa carpeta cidadá; a implantación de asistentes virtuais nas webs municipais que respondan as dúbidas dos cidadáns as 24 horas ao día; a incorporación de ferramentas de accesibilidades web para persoas con capacidades diferentes; a revisión e mellora do portal de transparencia do concello; a automatización do sistema de actas para os plenos; ou a subministración de equipamentos informáticos como ordenadores ou tabletas que permitan a creación de postos de traballo intelixentes, entre outras.
Concretamente, os concellos da provincia adheridos ao Impulsa TIC son: Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Burela, Castroverde, Cervantes, O Corgo, Cospeito, Chantada, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, O Incio, Láncara, Lourenzá, Meira, Monforte de Lemos, Monterroso, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Ourol, Pantón, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra do Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada, Trabada, Vilalba, Viveiro, Xermade e Xove.
O Goberno provincial aposta cada ano polo Plan Deputación de Cooperación cos Concellos co que neste 2024 inxectará nos 67 municipios da provincia un total de 21.750.000€ para obras, subministracións, creación de emprego ou financiamento do SAF, entre outras moitas actuacións.

PUBLICIDADE