John Ternus collerá a remuda de Tim Cook á fronte de Apple
luns, 20 de abril do 2026

- John Ternus converterase no máximo responsable de Apple
Apple reorganiza a súa cúpula directiva cun relevo histórico na dirección executiva poucos días despois da celebración do seu 50º aniversario e un mes despois de que o seu máximo responsable negase os rumores da súa retirada nunha entrevista para a ABC no programa Good Morning America.
A compañía de Cupertino anunciou que Tim Cook deixará o cargo de conselleiro delegado para asumir a presidencia executiva do consello de administración, mentres que John Ternus será o novo director executivo a partir do 1 de setembro de 2026. O cambio, aprobado por unanimidade, culmina un proceso de planificación da sucesión desenvolvido a longo prazo.
Cook manterase como máximo responsable ata o verán para facilitar unha transición progresiva. Xa como presidente executivo, continuará implicado en cuestións estratéxicas, incluída a relación con responsables políticos a nivel global. Pola súa banda, Ternus, ata agora vicepresidente sénior de Enxeñaría de Hardware, incorporarse tamén ao consello de administración.

- O novo director de hardware de Apple é agora Johny Srouji
O movemento inclúe outros axustes relevantes na estrutura directiva. Arthur Levinson, presidente non executivo durante os últimos 15 anos, pasará a exercer como conselleiro independente principal. Ademais, Johny Srouji foi nomeado director de hardware con efecto inmediato, asumindo competencias ampliadas que abarcan tanto a enxeñaría de hardware como o desenvolvemento de tecnoloxías clave.
A traxectoria de Cook ao fronte da empresa, iniciada en 2011, está marcada por unha forte expansión. Durante o seu mandato, Apple multiplicou a súa capitalización ata superar os 4 billóns de dólares, mentres que os ingresos anuais pasaron de 108.000 millóns de dólares a máis de 416.000 millóns. A compañía reforzou a súa presenza internacional ata superar os 200 países e territorios e ampliou significativamente a súa base de dispositivos activos, que supera os 2.500 millóns.
A etapa de Cook caracterizouse pola diversificación de produtos, coa introdución de categorías como o Apple Watch, os AirPods ou o Apple Vision Pro, así como polo crecemento do negocio de servizos, que supera os 100.000 millóns de dólares anuais. Tamén impulsou a transición cara a procesadores propios, un movemento estratéxico que reforzou o control tecnolóxico da compañía e mellorou a eficiencia dos seus dispositivos.
John Ternus, con máis de dúas décadas na empresa, desempeñou un papel clave no desenvolvemento de produtos emblemáticos. Incorporado en 2001, liderou proxectos en múltiples liñas, desde o iPhone ata o Mac, pasando polo iPad ou os AirPods. Nos últimos anos destacou polo seu traballo na evolución dos computadores Mac, así como pola renovación da gama de teléfonos intelixentes e o impulso de melloras en durabilidade, materiais e impacto ambiental.
Pola súa banda, Johny Srouji consolídase como unha figura central na estratexia tecnolóxica da compañía. Responsable do desenvolvemento dos chips propios desde a chegada do A4, dirixiu avances en áreas como procesadores, baterías, cámaras ou módems. O seu novo rol integra baixo unha mesma dirección a enxeñaría de hardware e as tecnoloxías asociadas, reforzando a cohesión entre deseño e innovación.
Entrevista recente na que Tim Cook nega os rumores da súa próxima retirada da dirección executiva de Apple
Mensaxe de despedida
Tim Cook publicou carta á comunidade de Apple anunciando a súa retirada como director executivo, o que non supón un adeus á compañía:
Á comunidade de Apple:
Durante os últimos 15 anos, comecei case todas as mañás da mesma maneira. Abro o meu correo electrónico e leo as notas que recibín o día anterior de usuarios de Apple de todo o mundo.
Compartides comigo pequenos fragmentos das vosas vidas e contádesme cousas que queredes que saiba sobre como Apple vos influíu. Sobre o momento en que a vosa nai foi salvada polo seu Apple Watch. Sobre o selfie perfecto que capturastes no cumio dunha montaña que semellaba imposible de escalar. Agradecédesme as formas nas que o Mac cambiou o que podedes facer no traballo e, ás veces, dadesme un toque de atención porque algo que vos importa non funciona como debería.
En cada un deses correos sinto o latido do corazón da nosa humanidade compartida. Sinto un sentido de obriga cada vez máis profundo de traballar máis duro e chegar máis lonxe. Pero, sobre todo, sinto unha gratitude que non podo expresar con palabras por chegar a ser, dalgún xeito, a persoa ao outro lado deses correos; o líder dunha empresa que acende a imaxinación e enriquece vidas de formas tan profundas que desafían calquera descrición. Que honra e que privilexio foi.
Hoxe anunciamos que vou dar o seguinte paso na miña viaxe en Apple. Durante os vindeiros meses, farei a transición cara a un novo papel, deixando o posto de CEO en setembro e converténdome en presidente executivo de Apple. Unha nova persoa asumirá o que sinto de corazón que é o mellor traballo do mundo. Ese líder é John Ternus, un enxeñeiro e pensador brillante que pasou os últimos 25 anos creando os produtos de Apple que tanto aman os nosos usuarios, obsesionado con cada detalle, centrado en cada forma posible na que podemos facer algo mellor, máis audaz, máis fermoso e máis significativo. É a persoa perfecta para o posto.
A John impórtalle moito quen somos en Apple, que facemos en Apple, a quen chegamos en Apple, e ten o corazón e o carácter para liderar cunha integridade extraordinaria. Estou moi orgulloso de chamalo o próximo CEO de Apple. Esta empresa alcanzará cotas incribles baixo o seu liderado, e vós sentiredes o seu impacto en cada chispa de deleite e descubrimento que xurda dos produtos e servizos por vir. Estou ansioso por que o coñezades como eu o coñezo.
Isto non é un adeus. Pero neste momento de transición, quería aproveitar a oportunidade para darvos as grazas. Non en nome da empresa, esta vez, aínda que hai unha fonte de gratitude cara a vós que desborda as nosas paredes. Senón simplemente en nome de min. Tim. Unha persoa que creceu nun lugar rural nunha época diferente e que, por estes momentos máxicos, puido ser o CEO da mellor empresa do mundo.
Grazas pola confianza e a amabilidade que me amosastes. Grazas por saudarme na rúa e nas nosas tendas. Grazas por celebrar canda min cando presentabamos un novo produto ou servizo. Grazas, sobre todo, por confiar en min para dirixir a empresa que sempre vos puxo no centro do noso traballo. Cada día levantámonos pensando en que podemos facer para que a vosa vida sexa un pouco mellor. E cada día, vós fixestes que a miña fose a mellor que podería ter pedido.
Grazas.

