Máis de 300 vivendas da Pastoriza xa teñen fibra óptica de Adamo

xoves, 24 de febreiro do 2022 S. P.

A fibra óptica de Adamo xa está operativa a beiras do río Miño. En concreto, son máis de 300 vivendas da Pastoriza (Lugo) as que contan, desde o pasado mes de xaneiro, con esta infraestrutura de alta velocidade. Desta maneira, o operador comunicou que ten instalada a súa conexión de Internet ultrarrápida en 3 das parroquias que conforman A Pastoriza: Pousada, Piñeiro e Fomiñá.
Adamo confirmou que a despregadura proseguirá ao longo desta tempada, xa que ten previsto chegar ás outras 16 poboacións se existe demanda para iso por parte dos veciños do concello. O reto é importante: a operadora ten diante un elevado número de 19 núcleos (que á súa vez se subdividen en máis entidades), o que, segundo informan fontes da compañía, “ofrece unha idea das trabas ás que ten que facer fronte a compañía no seu crecemento, así como da tremenda dispersión que as vivendas presentan entre si”.

Alta velocidade

David Llano, delegado de Adamo en Galicia, e Primitivo Iglesias, alcalde da Pastoriza

A alta velocidade de Adamo permitirá facilitar as comunicacións dos particulares e a modernización dos negocios situados no concello, moitos deles explotacións ligadas ao sector primario. Neste punto, a empresa destaca que está a proporcionar “a fibra óptica máis rápida que se atopa dispoñíbel hoxe en día no mercado, de 1.000 Mbps, que ningunha outra empresa supera”.
O despregamento na Pastoriza, que conta co respaldo do Concello e do seu alcalde, Primitivo Iglesias. enmárcase no plan de expansión que Adamo está a desenvolver na provincia de Lugo, que incluíu a instalación de fibra óptica en máis de 65.000 domicilios no últimos catro anos. A eles sumaranse outros 14.000 ao longo de 2021 para redondear un total próximo aos 80.000 fogares na rede de Adamo.
Finalmente, co obxectivo de dotar de Internet de alta velocidade ás zonas máis apartadas, a empresa dispón dunha innovadora ferramenta: Adamo Fiberhood. Trátase dun sistema mediante o cal, só coa petición conxunta de 30 veciños a través dunha sinxela web, é suficiente para que o operador se comprometa a facer un estudo de despregamento no seu municipio. Cada pobo conta co seu propio grupo. A ligazón habilitada para o caso da Pastoriza xa está operativa.

PUBLICIDADE