Metro 2039 continuará a saga postapocalíptica de Dmitry Glukhovsky
venres, 17 de abril do 2026
A franquía Metro prepara o seu regreso con Metro 2039, a cuarta entrega principal da coñecida serie de acción en primeira persoa, que apostará por un ton máis sombrío e político ca nunca. O proxecto, desenvolvido por 4A Games en colaboración co escritor Dmitry Glukhovsky, foi presentado como unha evolución natural da saga, tanto no plano narrativo como técnico.
Tras máis de sete anos desde o último gran lanzamento, o estudio confirmou que esta nova entrega supón un retorno ás orixes da serie, recuperando os túneles do metro de Moscova como escenario principal. A historia sitúase nun mundo devastado pola guerra nuclear, no que as comunidades superviventes viven baixo terra, agora unificadas baixo o dominio dunha nova facción: os Novoreich.
Á fronte deste réxime atópase Hunter, un lendario espartano convertido en líder autoritario que promete unha vida mellor na superficie, mentres o subsolo queda dominado pola propaganda, a desinformación e o medo. A premisa narrativa insiste nunha idea recorrente na saga: nun mundo destruído, o ser humano pode resultar máis perigoso ca calquera mutación.
O novo protagonista, coñecido como The Stranger, é un personaxe marcado por traumas e pesadelos recorrentes que o obrigan a regresar ao Metro, lugar ao que xurara non volver. A súa viaxe mestura terror psicolóxico e exploración, nunha estrutura onde a narrativa ambiental volve ser clave. Os desenvolvedores destacan o uso das chamadas «historias conxeladas», pequenos detalles nos escenarios que permiten reconstruír o pasado a través de obxectos, corpos ou situacións aparentemente secundarias.
Metro 2039 continuará empregando o motor propio de 4A Games, cunha aposta renovada polo trazado de raios e outras técnicas avanzadas de iluminación para crear unha atmosfera máis realista e opresiva. O estudio asegura que esta nova iteración busca ofrecer unha experiencia visual máis afinada, especialmente nas consolas de nova xeración.
Se ben a saga Metro sempre tivo unha mensaxe antibelicista, Metro 2039 céntrase agora nas consecuencias da guerra. Conceptos como o custo do silencio, os horrores da tiranía e o prezo da liberdade convértense no eixo temático dunha historia que pretende ser máis crúa e directa.
O lanzamento de Metro 2039 está previsto para este inverno, co obxectivo de ofrecer unha experiencia que combine acción, narrativa e reflexión nunha das propostas máis ambiciosas da saga.
Vídeo de adianto do xogo de 4A Games
