Nace o directorio MOV3 para achegar aos internautas a produción téxtil responsable da nosa terra

luns, 30 de xuño do 2014 Fernando Sarasketa

Nanda Couñago, directora de Amarante Setem e a deseñadora María Almazán durante a presentación

Tal e como anunciamos os días pasados dende Código Cero, esta fin de semana que vimos deixar atrás ía ser a data de presentación e estrea do directorio MOV3, a primeira plataforma directa de información sobre moda sustentable de Galicia. A cita de posta en longo foi finalmente na Casa das Campás de Pontevedra e nela participaron arreo as/os integrantes de MOV3, colectivo galego ligado ao téxtil que abrangue tendas, marcas, deseñadoras e deseñadores. Os seus obxectivos son levar aos consumidores galegos máis roupa feita de xeito responsable e ecolóxico, con produción natural e local. Con esta finalidade, a de chegar máis e mellor aos compradores, puxeron en marcha o directorio, unha páxina que nos pon ao tanto da oferta existente neste ámbito en Galicia (moita e boa).
Máis en detalle, a cita contou coa presenza de Nanda Couñago, directora da Asociación Amarante Setem, e a deseñadora e consultora en moda sostible María Almazán. O directorio, dixeron, xunta ante todo diferentes iniciativas, “con distintos estilos e públicos”, que se están a desenvolver na comunidade galega unidas baixo un mesmo principio. Este principio, engadiron, non é outro que a convicción de que outra forma de producir e consumir moda é posible, unha forma de producir e consumir que nada ten que ver coa deslocalización nin coa explotación laboral das grandes marcas en países do terceiro mundo nin tampouco co emprego de materiais contaminantes para a industria téxtil. Non, o que se ofrece aquí, a través desta nova web, é “produción local e trato digno ás persoas”, dixeron.
Durante a presentación, Couñago explicou que o proxecto MOV3. Galicia viste consciente, do que abrolla o devandito directorio, conta con financiamento da Xunta de Galicia e insírese nun proxecto máis amplo: a iniciativa de Amarante Vestir ConCienCias. Esta iniciou os seus pasos en xaneiro de 2014 cunha xuntanza en Pontevedra na que participaron marcas, deseñadores e deseñadoras, tendas de venda de moda sostible e segunda man e estudantes de moda. Segundo engadiu, a iniciativa naceu coa idea de pór en valor as alternativa téxtiles existentes ou en nacemento en Galicia e dar resposta á crecente demanda da sociedade galega de facer un consumo responsable de roupa, “que fortalecese e apoiase o medio ambiente, con criterios sociais, aposta pola produción local e seguimento do produto”.

O artista Ash Santos durante a performance

María Almazán engadiu que MOV3 naceu “da inquietude de pór en común o mundo do deseño consciente cos movementos sociais e tamén axudar ás persoas que queren consumir doutro xeito e se senten perdidas na busca de alternativas”. A deseñadora explicou que a páxina web reúne as marcas máis consolidadas no eido da moda sustentable, xunto con outras iniciativas que están iniciando o seu camiño pero que teñen “unha vontade clara de apostar por este modelo”.
Por certo que a presentación da web, que congregou a profesionais ligados ao mundo da moda, colectivos e persoas interesadas na produción e consumo responsable de roupa, tamén incluíu unha performance artística a cargo do artista vigués Ash Santos, unha acción de live-painting con técnicas mixtas nun gran lenzo que representa os distintos proxectos que compoñen MOV3.
A presentación contou co apoio da Universidade de Vigo, no marco do proxecto Green Campus que se desenvolve no Campus de Pontevedra.