O CITIC recibiu unha delegación de universidades chilenas no marco do proxecto Ingeniería 2030

luns, 29 de abril do 2024 S. P.

A UDC recibiu o 24 de abril unha representación das universidades de Tarapacá e Valparaíso, no marco do proxecto Ingeniería 2030, Desarrollo para las Regiones, unha iniciativa conxunta destas dúas universidades chilenas, financiada pola Axencia Nacional de Investigación e Desenvolvemento (ANID) do país andino. A xornada deu comezo cunha reunión no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC, onde os integrantes da delegación chilena foron recibidos por Manuel González Penedo, o director do CITIC; Javier Pereira, subdirector; Javier Garrido, responsable de Transferencia e Innovación; e Cristina Villar, responsábel de Proxectos Internacionais. Tras a xuntanza, os representantes do país andino coñeceron as instalacións do centro de investigación.
A continuación trasladáronse á Oficina de Transferencia de Resultados da Investigación (OTRI), onde coñeceron como se desenvolven as actividades das oficinas de transferencia en relación coa protección do coñecemento, a explotación a través de acordos de licenza e a creación de empresas baseadas no coñecemento (spin-offs), así como as relacións co tecido produtivo. Alí foron recibidos por Susana ladra, adxunta de Transferencia da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia da UDC, e Maribel Docampo, directora técnica da OTRI.
Para rematar a xornada, o grupo visitou o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da UDC. Alí acompañounos Fernando Martínez Abella, director científico; e Juan Rabuñal Dopico, director técnico, e máis o equipo de xestión do centro. No CITEEC visitaron o túnel de vento, e os laboratorios de portos e costas, de construción e de hidráulica.

PUBLICIDADE