O CiTIUS achega unha ferramenta para entender como evolucionan os dereitos dixitais en Internet: DigiTrack

luns, 20 de abril do 2026 S. P.

O CiTIUS da USC desenvolveu unha plataforma que nos axuda a entender a evolución no tempo dos dereitos dixitais en Internet. Trátase da ferramenta DigiTrack, materializada en colaboración coa Fundación Hermes e enmarcada no Observatorio de Dereitos Dixitais (ODD), co apoio de Red.es.
O contexto
O centro da Universidade de Santiago especializado en intelixencia artificial indica que o ecosistema dixital condiciona cada vez máis o exercicio de dereitos fundamentais como a privacidade, o acceso á información, a non discriminación ou a participación. Nese contexto, engade CiTIUS, nace DigiTrack, unha ferramenta pública de busca e analítica sobre contidos web relacionados cos dereitos dixitais, deseñada para observar como evolucionan estes temas en Internet, detectar tendencias e ofrecer “unha base informativa útil para a análise, a comunicación e a acción pública”.
A ferramenta desenvólvese no marco do Observatorio de Dereitos Dixitais (ODD), co apoio de Red.es.
Como dixemos, DigiTrack foi desenvolvida polo CiTIUS (un centro cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027), en colaboración coa Fundación Hermes. A plataforma permite consultar e analizar contidos procedentes de fontes dixitais abertas, como noticias, redes sociais, blogs e outros espazos en liña, co obxectivo de ofrecer unha visión máis estruturada do debate público en torno aos dereitos dixitais.
O seu funcionamento permite identificar temas emerxentes, seguir a súa evolución no tempo, analizar sentimento e emocións asociadas aos contidos recompilados e facilitar unha lectura máis ordenada da conversa dixital.
“Este enfoque”, indican fontes do CiTIUS, “aliñase co propósito do Observatorio de Dereitos Dixitais, impulsado por Red.es, de reforzar o seguimento, a difusión, o debate e a promoción dos dereitos dixitais entre cidadanía, administracións, universidades, fundacións e organizacións sociais”.
O investigador do CiTIUS David E. Losada, responsable do desenvolvemento de DigiTrack, explica que “a ferramenta está dotada de tecnoloxías e modelos avanzados de IA e recuperación de información, que foron adaptados ao dominio de dereitos dixitais e que proporcionan ao usuario final servizos como a organización automática de contidos por subtemas, o seguimento temporal de impacto, e a posibilidade de realizar consultas en texto libre mediante un buscador vertical, entre outros”.
Para Senén Barro, director científico do CiTIUS, “DigiTrack nace cunha vocación moi clara: transformar información dixital dispersa en coñecemento útil para comprender mellor como se expresan, evolucionan e se perciben os Dereitos Dixitais, particularmente na conversa pública”.
Desde a Universidade de Santiago de Compostela, a súa reitora, Rosa Crujeiras, subliña que “proxectos como DigiTrack reflicten a capacidade da universidade pública para xerar coñecemento aplicado, conectar investigación e servizo público e contribuír a retos sociais vinculados á transformación dixital”.
Pola súa banda, Luisa Alli, directora xeral da Fundación Hermes, destaca que “o desenvolvemento de ferramentas como DigiTrack reforza unha idea esencial: os Dereitos Dixitais non poden quedar nun plano declarativo, senón que necesitan observación, análise e capacidade real de actuación”.
Engaden que “a plataforma está concibida como un recurso útil para administracións públicas, xornalistas, investigadores, analistas e organizacións sociais, ao facilitar unha base estruturada para observar tendencias, detectar cambios na percepción social e apoiar diagnósticos, accións de sensibilización ou iniciativas vinculadas á cidadanía dixital”.