O Concello de Poio estrea canle de WhatsApp para reforzar a comunicación coa cidadanía

martes, 17 de febreiro do 2026 S. P.

O Concello de Poio vén de poñer en marcha unha nova canle oficial de WhatsApp co obxectivo de reforzar a comunicación directa coa veciñanza e “avanzar en materia de transparencia institucional”, explicou o Goberno local, engadindo que esta nova ferramenta permitirá á cidadanía recibir información actualizada de maneira áxil e sinxela sobre a actividade municipal, avisos de interese, eventos, convocatorias e outras comunicacións relevantes.
“Esta nova canle achegará a Administración á veciñanza e ofrecerá información útil de forma inmediata”, sinalou o alcalde, Ángel Moldes, apuntando que o servizo encádrase na aposta do Concello “por ampliar as vías de contacto coa poboación, adaptándose aos novos hábitos de consumo informativo e facilitando un acceso máis inmediato ás novas e avisos municipais”.
Trátase dunha canle unidireccional, pensada para garantir que a información chegue de forma clara e ordenada, respectando en todo momento a privacidade das persoas usuarias.
O servizo xa está a disposición da cidadanía a través da web de Whatsapp ou escaneando o código QR habilitado para este fin nos soportes informativos municipais.
Esta iniciativa súmase a outras accións dixitais postas en marcha nos últimos dous anos polo Concello, como a modernización da páxina web municipal, deseñada para facela máis funcional, intuitiva e dinámica. O novo portal mellora a súa estrutura e recolle todos os servizos e información municipais co obxectivo de prestar unha mellor atención á cidadanía e, ademais, potenciar a súa participación.
Do mesmo xeito, reforzouse a aposta pola actualización constante das redes sociais do municipio, “ampliando os contidos e mellorando a súa capacidade informativa”.
Tamén se puxo en marcha o portal Emprego Poio, que se converteu desde a súa posta en funcionamento “nunha ferramenta esencial na promoción e xestión do Servizo de Intermediación Laboral, facilitando o contacto entre persoas demandantes de emprego e empresas”.