O ICQ deixará de funcionar en xuño

luns, 27 de maio do 2024 Marcus Fernández

Así podiamos ver o ICQ nos tempos nos que contaba con preto dun cento de millóns de usuarios activos

Cando a Internet comezaba a gañar popularidade entre os usuarios domésticos emerxeu con forza unha aplicación chamada ICQ, pioneira na mensaxería instantánea, facilitando que os seus usuarios puidesen conversar en tempo real e mesmo organizarse para xogar en liña.
Aínda que esta ferramenta foi toda unha revolución, pronto xurdiron competidores como o Messenger de Microsoft que a eclipsaron completamente, aínda que sorprendentemente o ICQ non morreu, e incluso soubo adaptarse ao novo contorno de aplicacións para móbiles, aínda que estes aires novos non foron dabondo para xustificar o mantemento desta marca, que finalmente despedirase do público o vindeiro 26 de xuño, principalmente polo feito de que o propietario actual da marca, VK, xa conta cunha ferramenta de seu de mensaxería persoal (VK Messenger) e outra de mensaxería profesional (VK WorkSpace).
O anuncio do peche de ICQ sorprende porque na meirande parte do mundo dábase por feito que a ferramenta xa non existía, pois incluso o MSN Messenger (de Microsoft) é xa cousa do pasado (actualmente o Messenger coñecido é o de Facebook), aínda que o que realmente aconteceu é que a aplicación perdeu peso nos mercados occidentais e pasou a mans rusas en 2010, polo que o normal era percibir que dende tal momento era outra cousa.

PUBLICIDADE