O LIES_GA organiza unha charla en liña sobre solucións e ferramentas para pemes da economía social

luns, 20 de abril do 2026 Redacción

O Laboratorio de Innovación e Economía Social de Galicia (LIES_GA) organiza o vindeiro 29 de abril, ás 10:00, a charla en liña Ciberseguridade na economía social: protexendo o futuro dixital — solucións e ferramentas para pemes da economía social.
A sesión ten como obxectivo proporcionar ferramentas e estratexias prácticas para que as entidades da economía social poidan protexer de maneira efectiva os seus datos e sistemas dixitais. Durante a actividade abordaranse cuestións clave como o uso de ferramentas básicas de seguridade informática adaptadas a cooperativas e pequenas empresas, as boas prácticas na protección de datos e información sensible, os protocolos de actuación ante incidentes de ciberseguridade e diversas recomendacións para avanzar cara a unha transformación dixital segura e accesible.
A charla será impartida por Adrián Vidal, hacker en dooingIT ciberseguridad, SL. Vidal é enxeñeiro informático pola Universidade de Santiago de Compostela e conta con certificacións especializadas en ámbitos como a criptografía e o pentesting (eCPPT). Dende 2022 desenvolve a súa actividade como hacker profesional, con experiencia na análise e explotación de vulnerabilidades, e participou no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas como LeakGuard, orientadas á detección de filtracións de datos en internet.
A actividade está dirixida a cooperativas, empresas de economía social e entidades con impacto, con especial atención ás organizacións situadas no rural e aos colectivos con maior risco de fenda dixital, co propósito de contribuír a unha transformación dixital segura, sostible e inclusiva.
Esta iniciativa enmárcase no programa de actuación 2025–2026 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para fomentar o cooperativismo e a economía social, e conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.