O bloqueo británico á compra de Activision Blizzard entrará na fase de apelación a semana que vén

venres, 26 de maio do 2023 Redacción

A compra de Activision Blizzard por parte de Microsoft debería ter sido unha operación sen grandes atrancos, na que os reguladores de distintos países establecesen algunhas condicións para que se puidese levar a bo termo, para así protexer aos consumidores e ao mercado, pero a Autoridade dos Mercados e a Competencia (CMA) de Reino Unido sorprendeu opoñéndose por considerar que Microsoft mellorar demasiado a súa posición de cara ao xogo na nube.
O argumento empregado era especialmente feble, xa que actualmente o xogo na nube é un mercado moi cativo, e un dos motivos polos que Microsoft ten unha posición dominante consecuencia do recente cesamento de actividade de Google Stadia, aínda que confiándose que os usuarios da plataforma de xogo na nube de Google rematen empregando outras plataformas como Amazon Luna.
Tamén resultaban moi rechamantes as cifras que sostiña a CMA con respecto ao número de usuarios de xogos na nube de Microsoft, que era elevadísima e non se axustaban en absoluto coa realidade, xa que contabilizaban a todos os subscritores de Game Pass como usuarios do xogo na nube simplemente porque era unha opción dispoñible na súa subscrición (cando a grande maioría dos subscritores sempre xoga a títulos instalados na súa consola ou ordenador, e o uso do xogo en streaming é totalmente residual). Estamos ante un erro que sería semellante a contar a todos os subscritores de Amazon Prime como usuarios de Amazon Luna, o que faría que Amazon liderase de súpeto este mercado, cando está moi lonxe de facer tal.
A situación tornouse aínda máis surrealista cando a Comisión Europea, con criterios moito máis duros que Reino Unido, autorizou a operación de compra, o que facía dubidar moito do que estaba a acontecer coa CMA, e que podería ser moito máis escuro do que se pensaba inicialmente, pois estase a desvelar que, aparte da grande ignorancia e incompetencia que ten amosado no tempo a CMA á hora de tratar asuntos que teñan que ver coa tecnoloxía, o director da CMA que estaría a xogar un papel clave na oposición á compra tería traballado con anterioridade para a firma de avogados que representa a Sony neste tipo de asuntos, polo que tería un clarísimo conflito de intereses.
O procedemento de apelación da decisión da CMA botará a andar o vindeiro martes, e non parece que vaia ser un camiño de rosas para o organismo británico, tanto pola sombra da dúbida que se está a proxectar sobre a entidade polo que semella un caso de corrupción, como polo feito de que estean a bloquear unha fusión entre dúas compañías estranxeiras que polo momento xa conseguiu a autorización de 38 países. Parece máis que probable que o Tribunal de Apelacións da Competencia (CAT) decida que a oposición da CMA á compra de Activision Blizzard sexa desproporcionada, especialmente tras ter ofrecido Microsoft unha serie de concesións que incluso a Comisión Europea consideran xenerosas dabondo como para non engadir ningunha máis como condición para a adquisición.

PUBLICIDADE