O persoal da Fundación Semana Verde de Galicia fórmase en IA

xoves, 22 de xaneiro do 2026 S. P.

Xornadas de IA celebradas no marco da festa informática XG Intermax

A Fundación Semana Verde de Galicia continúa avanzando no seu proceso de transformación dixital e faino estes días formando en intelixencia artificial ao seu persoal, co obxectivo de “mellorar a eficiencia organizativa e seguir consolidando os récords de participación e resultados alcanzados nas súas feiras”.
A entidade feiral lembra que a aposta polas novas tecnoloxías non é nova, e hai exemplos recentes como a implantación da aplicación 4.0 na Central Agropecuaria de Galicia Abanca, a cal deu os seus primeiros pasos en 2021 e segue desenvolvéndose a habilitándose: “Unha aplicación que permite automatizar moitos dos procesos dunha poxa semanal cunha asistencia media próxima aos 1.500 animais, coa que se xestionan millóns de euros e que supuxo un importante salto cualitativo na dixitalización dos procesos internos”, sinalou a fundación.
Nesta nova fase, a entidade puxo en marcha un programa formativo centrado no uso de modelos de linguaxe de gran escala (LLM), plataformas de desenvolvemento de programas informáticos sen código impulsadas por IA (vibe coding), como Lovable, e sistemas de automatización de procesos mediante MAKE, entre outras ferramentas de intelixencia artificial. Estas solucións permitirán ao equipo humano organizar máis eventos en menos tempo, optimizar tarefas administrativas e mellorar a planificación e xestión tanto das distintas feiras como da Central Agropecuaria.
A formación está a desenvolverse actualmente en colaboración coa empresa PROCONSI, especializada en solucións tecnolóxicas. Con todo, a Fundación Semana Verde mantén unha actitude aberta a incorporar novas empresas especializadas en intelixencia artificial, co fin de seguir ampliando as capacidades dixitais de todo o seu persoal.
Con esta iniciativa a Fundación Semana Verde de Galicia reforza o seu “compromiso coa innovación, a modernización da xestión feiral e a formación continua de todo o seu equipo para dotalo de novas competencias dixitais adaptadas aos retos presentes e futuros do sector”.