O programa de formación e empoderamento TIC de COGAMI logra unha taxa de inserción laboral do 31%

mércores, 26 de xaneiro do 2022 S. P.

A confederación COGAMI, formada por colectivos galegos de persoas con diversidades funcionais e cognitivas e presidida polo sonense Anxo Queiruga, vén de facer balance do traballo despregado pola entidade en 2021 en materia de emprego. Segundo se fai saber, COGAMI foi quen de formar a máis de 200 persoas ao longo do ano que vimos de despedir. Delas, logrou a inserción laboral o 31%. Unha parte importante das formacións impartidas puxeron o foco na alfabetización e na capacitación dixital, sendo este ámbito un elemento fundamental de empregabilidade e autonomía persoal.
No balance tamén se di que o perfil das persoas formadas é 60% do alumnado é muller e con idades comprendidas entre 40 e 50 anos e, en moitos casos, co certificado de incapacidade laboral para a profesión habitual.
Plan de formación
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) desenvolve un plan de formación que ten por obxectivo “capacitar á persoa para que logre o seu desenvolvemento profesional”. Tendo como obxectivo final a inserción laboral, o programa formativo está adaptado ás necesidades e capacidades das persoas integrantes das asociacións de COGAMI, destinatarias desta formación, pero tamén contempla as demandas do tecido empresarial da zona.
Ao longo de 2021, a área de Formación de COGAMI impartiu 21 cursos dos que 14 foron en formato presencial, sempre con todas as medidas de hixiene e seguridade de protección ante o COVID-19, e 7 foron en formato online. “Intentamos facer a formación presencial con medidas de prevención e seguridade máximas, aplicando os protocolos que en cada momento e cada centro lle correspondían”, apunta Paco Abuín, coordinador da área de Formación de COGAMI, quen engade que “programamos cursos a distancia en diferentes zonas de Galicia e, para aquelas persoas que carecían de equipos informáticos, cedémosllos dende CGOAMI xunto coa conexión a Internet”.
Máis mulleres ca homes
Foron un total de 218 persoas as formadas pola confederación en 2021, 129 mulleres e 89 homes, con idades comprendidas entre 40 e 50 anos e, en moitos casos, con certificado de incapacidade laboral para desenvolver a profesión habitual. De todas estas persoas, o 31% logrou inserirse laboralmente ao longo do ano tras pasar por esta formación.
“Podemos facer un balanzo moi positivo dos cursos impartidos durante o ano 2021”, apunta Paco Abuín, quen engade que “agora estamos á espera da aprobación da nova financiamento para darlle continuidade ao noso programa formativo”.
Para poder desenvolver estes cursos, contouse co apoio financeiro da Administración Pública como a Consellería de Emprego e Igualdade, o Ministerio de Asuntos Sociais e o Fondo Social Europeo, e tamén por organismos sociais como a Fundación ONCE e Fundación La Caixa.
Clases teóricas e sesións prácticas
O plan de formación impartido contempla clases teóricas e tamén a realización de prácticas en empresas da zona, co obxectivo de “que o alumnado tome contacto co mercado laboral e co tecido empresarial da súa comarca, ademais de poder ter a posibilidade de poder rematar estas prácticas cunha oferta laboral da empresa na que as realizou”, explica COGAMI no seu balance, engadindo que durante 2021 foron 30 persoas as que realizaron prácticas en empresas que colaboran de xeito desinteresado coa confederación.
O programa formativo puxo o foco no urbano e no rural. Porén, fíxose especial fincapé nos núcleos pequenos por carecer estas áreas dos servizos que si teñen as cidades. “Intentamos facer o máximo número de cursos na zona rural de Galicia para que as persoas con discapacidade teñan as mesmas oportunidades de formación na súa propia contorna e non se teñan que desprazar a zonas urbanas”, engade Abuín.
Os cursos que contemplou o programa formativo de COGAMI en 2021 e os concellos nos que se impartiron foron: Empregada/o de Gasolineira en Ferrol; obradoiros de Empoderamento da Muller con Discapacidade en Santiago e Lugo; Alfabetización Dixital de Adultos en Lugo; Competencias Clave en Ourense, Vigo e Vilalba; Carniceiro / Charcuteiro en Lugo; Auxiliar de Transporte Adaptado en Ferrol e Monforte de Lemos; Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais en Cabana de Bergantiños; Competencia Matemática en Vigo; Formación para Traballadores/as Incluye en A Coruña e Mozo de Almacén en Ferrol. Con respecto aos cursos en formato online foron sobre Tarefas Administrativas e Competencias Dixitais no que participou alumnado procedente de A Coruña, Lugo, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago.
COGAMI destinou 2.448 horas á formación de persoas co fin de dotalas de preparación para que acaden unha oportunidade laboral o antes posíbel.

PUBLICIDADE