O proxecto Starttic bota a andar cunha xornada práctica sobre metodoloxías áxiles

martes, 10 de decembro do 2024 S. P.

Este martes 10 de decembro arrincou o proxecto Starttic da incubadora de Alta Tecnoloxía que, liderado pola Zona Franca de Vigo xunto ao Centro Tecnolóxico Gradiant e a Cámara de Comercio, instalarase no Polo TIC de López Mora. Unha xornada e un obradoiro de traballo sobre a metodoloxía Agile reuniu no Auditorio do Consorcio a representantes de máis de 60 empresas de sectores que utilizan tecnoloxías TIC.
Agile en Acción, impulsa a túa empresa foi o título desta primeira actividade na que a experta internacional nesta metodoloxía de xestión, Norma Acevedo, dirixiu unha sesión moi práctica na que os participantes puideron aplicar os principios e conceptos básicos da xestión áxil, utilizados en empresas dedicadas ao desenvolvemento de produtos e servizos.
Na apertura da xornada participaron os tres socios do proxecto na que tanto o delegado de Zona Franca, David Regades, como o director xeneral de Gradiant, Luís Pérez Freire, e o presidente da Cámara, José García Costas, coincidiron na importancia dun proxecto que supoñerá a posta en marcha “dun hub TIC para todo o noroeste peninsular e porá Vigo como cidade referente no ecosistema tecnolóxico”. A incubadora de Alta Tecnoloxía ten un orzamento de 3,5 millóns de euros, financiada nun 60% por fondos europeos a través de INCYDE, e dispoñerá dun espazo de incubación que reunirá ás startups tecnolóxicas de Vigo e a súa comarca.
O delegado do CZFV, David Regades, incidiu por iso que Starttic situará a Vigo como un polo de referencia na revolución tecnolóxica,explicou que “cremos firmemente neste proxecto no que tamén se cumpren dúas máximas que aplicamos sempre en Zona Franca: as sinerxías público-privadas e a ecuación de captar talento, ofrecer espazos ás empresas e garantirlles liquidez como a gasolina precisa para que saian adiante”.
Para o director xeneral de Gradiant, Luís Pérez Freire, “Starttic reforza o papel dunha comunidade autónoma xa vinculada a áreas clave como as telecomunicacións, a ciberseguridade, a Intelixencia Artificial, os vehículos non tripulados e o eido aeroespacial, e que está a gañar protagonismo en sectores estratéxicos emerxentes como a cuántica, os semiconductores e a fotónica. Grazas á colaboración con Zona Franca e a Cámara de Comercio, Gradiant achega á incubadora experiencia no desenvolvemento de tecnoloxía e a creación de spin-offs, con tres novas firmas tecnolóxicas lanzadas que empregan xa a 50 persoas en Galicia, e a previsión de crear dúas novas spin-offs para o vindeiro ano”. Para Pérez Freire, “Starttic é un piar clave para fortalecer o sector TIC galego, atraendo empresas tecnolóxicas e investidores que acelerarán o crecemento do ecosistema local”.
Finalmente, o presidente da Cámara, José García Costas, sinalou que Starttic “é un proxecto no que imos da man dos mellores aliados, como son a Zona Franca e Gradiant, do que hoxe damos o primeiro paso cun obradoiro práctico no que aprendemos a impulsar as nosas firmas dunha maneira áxil coa axuda da tecnoloxía e metodoloxías expertas, que son as bases do proxecto Starttic”.
García Costas engadiu que “a dixitalización e a transferencia da tecnoloxía a pemes e micropemes, especialmente en sectores económicos estratéxicos na nosa demarcación, e o fomento do emprendemento no sector das TIC son unha aposta prioritaria dentro da folla de ruta da Cámara para os vindeiros anos. E dentro desta estratexia, a nosa participación na incubadora de impulso ao sector TIC en Vigo é unha iniciativa importantísima que nos fai avanzar nesta dirección”.