O proxecto Voces en Rede da Cruz Vermella conecta a 1.600 persoas maiores en Galicia

martes, 17 de febreiro do 2026 S. P.

Co obxectivo de loitar dende o plano tecnolóxico contra a soidade non desexada, que se ceba especialmente nas persoas maiores, erosionando a súa saúde emocional e desvinculándoas da súa contorna comunitaria, Cruz Vermella Española e a Fundación Amancio Ortega desenvolven o proxecto Voces en Rede, un proxecto pioneiro que cingue “a innovación tecnolóxica coa calor humana do voluntariado”, sinalan as dúas entidades.
A iniciativa, que xa impactou na vida de 1.600 persoas maiores en Galicia e de 25.500 en todo o territorio nacional, propón un modelo de intervención híbrido: “Por unha banda, o apoio financeiro da Fundación Amancio Ortega permite a introdución de asistentes de voz nos fogares para facilitar a conectividade e a seguridade; por outro, a estrutura de Cruz Vermella desprega unha inmensa rede de acompañamento presencial para asegurar que a máquina sexa só a ponte cara á persoa”, explican dende a Cruz Vermella, lembrando que o primeiro obstáculo que enfronta Voces en Rede é “a fenda dixital”. Así, recordan “moitas persoas maiores senten unha aversión natural ante as novas tecnoloxías, asociándoas a pantallas complexas e botóns diminutos”.
Polo tanto, o gran desafío da iniciativa radica no uso da voz como única interface, converténdose o dispositivo “nun asistente vital que non xulga e sempre responde”.
Para a organización, aínda que a tecnoloxía facilita a conexión, “o verdadeiramente diferencial é o compoñente humano que achegan as 15.131 persoas voluntarias de Cruz Vermella presentes neste proxecto”.
As dúas entidades recordan tamén que o obxectivo último de Voces en Rede non é que as persoas maiores queden en casa falando cun asistente virtual, senón que saian e socialicen: “O proxecto busca reintegrar ás persoas na súa contorna comunitaria, e a estratexia funciona, xa que nos centros de Cruz Vermella realizáronse xa máis de 346.290 actividades vinculadas a este proxecto”, sinalan.
O proxecto puxo un foco especial en zonas rurais, onde a soidade vese agravada pola dispersión xeográfica e a falta de servizos. Presente xa en 52 provincias, Voces en Rede adáptase á realidade local.