O servizo de raizame galega Doafund.com comeza xa a impedir o desaloxo de familias dos seus fogares

mércores, 27 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

Os responsábeis da iniciativa Doafund.com para evitar, coa axuda das redes, os desafiuzamentos

A iniciativa Doafund.com, posta en marcha por mans galegas para habilitar na Rede un acubillo onde apadriñarmos fogares en risco de desafiuzamento, sobre todo por mor do labor incansábel dos bancos, xa está a traballar impedindo o desaloxo de familias na nosa terra dos seus domicilios. Como lembraremos, Doafund.com non é exactamente un servizo posto en marcha por unha ONG, senón unha mestura de moitas cousas diferentes felizmente combinadas e resoltas, sobre todo polo que ten de achado innovador e de carreiro a seguir para outras iniciativas semellantes que, sen renunciar ao beneficio económico, traballen ao mesmo tempo, declarada e notoriamente, a favor da sociedade. Estamos pois ante un híbrido entre empresa, ONG anti-crise e comunidade 2.0, que bota man da metodoloxía para xuntar forzas nas redes: a metodoloxía do crowdfounding. Segundo se nos conta este mércores, Doafund.com xa ten a súa primeira gran victoria.
Máis polo miúdo, os internautas que reúnen fondos no dito servizo foron quen, xa, de evitar o desaloxo da familia Varela da súa casa de Miño, unha familia que, como tantas outras da nosa terra, viuse imposibilitada de achegar os pagos da súa hipoteca á entidade financeira correspondente por mor dunha situación produtiva e laboral que, casualmente, veu derivada en parte por unha mala xestión xeral das entidades financeiras. O sistema de Doafund.com permitiu a esta familia habilitar un perfil de seu, á vista dos internautas-colaboradores, solicitando 286 euros para pagar unha mensualidade da hipoteca e acadar un pequeno aprazamento, un respiro. As axudas chegaron de xeito inmediato procedentes de varias ducias de persoas de toda España, conseguindo que se adiase o proceso de desafiuzamento.
Como lembraremos, detrás deste servizo (elixido recentemente para para participar nunha lanzadeira europea tecnolóxico-social, UEIA), hai mans galegas. Máis polo miúdo as de Fernando Sierra e >Luis Jiménez, que recentemente definiron o seu proxecto, agora unha realidade, como “un proxecto social sostíbel para evitar que a xente sexa expulsada dos seus fogares por mor da crise”. Así, “xurdiu pois como necesidade social fronte ao modelo tradicional de ONG, asociacións que a día de hoxe soen ter problemas de financiamento debido á dependencia de fondos públicos”, engaden.
A iniciativa-web, que por agora só se achega aínda en castelán (aínda que estamos seguros que en breve recibirá a inclusión das outras linguas oficiais do Estado, cómpre ter en conta que estamos a falar dun sitio en beta), é unha iniciativa empresarial pero tamén unha fronte de acción social. Segundo nos contaron hai unhas semanas os seus responsábeis, estamos ante un “proxecto sostíbel dende o punto de vista económico que acada unha innovación transformadora de carácter tecnolóxico ao pór en marcha a súa actividade por medio da web e as redes sociais”.

PUBLICIDADE