O xogo de recreativa do X-Men volverá para Xbox 360 e PS3

mércores, 13 de outubro do 2010 Marcus Fernández

Os videoxogos xogaron un papel importante na pasada edición da Comic Con que tivo lugar en New York, onde Marvel confirmou que Konami vai recuperar coma título descargable para Xbox 360 e PlayStation 3 o clásico videoxogo de recreativas X-Men, un beat’em up que foi todo un referente en 1992 e que destacaba por permitir xogar a 6 persoas á vez (o que nas consolas vai manterse a través dun modo cooperativo en liña).

No xogo poderemos controlar aos membros máis coñecidos da Patrulla X

No xogo o usuario pode elixir entre 6 integrantes da Patrulla X (Ciclope, Coloso, Lobezno, Tormenta, Rondador Nocturno ou Dazzler) para enfrontarse a Magneto e a súa Irmandade de Mutantes Diabólicos, para rescatar a Kitty Pryde e ao profesor Xavier.
Polo que adiantaron dende IGN podemos ver que estamos ante unha conversión fiel ao orixinal, e non ante un remake adaptado á alta definición mediante o redebuxado de personaxes (o que sería de agradecer). A data de lanzamento deste título aínda non foi anunciada.


Vídeo publicado por IGN cun adianto do xogo

A revisión de X-Men: The Arcade Game</Em> manterá a posibilidade de contar con ata 6 xogadores en modo cooperativo

PUBLICIDADE