Os clásicos xogos de Dino Crisis chegan a Steam
venres, 13 de febreiro do 2026
Capcom anunciou o lanzamento en Steam de Dino Crisis e Dino Crisis 2, que chegan por primeira vez a PC. Estes dous tÃtulos, considerados obras de culto dentro do survival horror clásico, volven estar dispoñibles para xogar en equipos actuais.
Publicada orixinalmente en 1999, a primeira entrega propón unha mestura de terror e ciencia ficción na que a axente especial Regina participa nunha operación encuberta que se complica ao descubrir unha instalación tomada por dinosauros. O xogo combina exploración, resolución de enigmas e enfrontamentos tensos contra criaturas prehistóricas, nun contexto narrativo que xoga coa alteración do espazo-tempo.
A súa secuela aposta por unha orientación máis directa cara á acción. En Dino Crisis 2, Regina regresa nunha misión que leva os protagonistas ata a selva do perÃodo Cretácico, onde deben rescatar os superviventes dunha cidade desprazada no tempo. A proposta incrementa o ritmo, o número de inimigos en pantalla e o arsenal dispoñible, achegándose a unha experiencia máis arcade sen renunciar á ambientación da saga.
Ambas versións para Steam manteñen a experiencia orixinal, mais incorporan melloras destinadas a garantir a compatibilidade cos sistemas operativos e mandos actuais.
Coincidindo co lanzamento, Capcom aplica un desconto promocional do 50 % durante un perÃodo limitado, de xeito que cada unha das entregas de Dino Crisis queda cun prezo de 4,99 euros.
