Os informes da CMT constatan a permanencia da fenda dixital arredor da banda larga

martes, 1 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

A fenda dixital en banda larga achega un panorama de dúas velocidades, segundo se pode extraer do máis recente informe da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) e segundo reflicten medios como CincoDías. Esta articulación dupla do Estado na Sociedade do Coñecemento, algo así como unha maneira de botar leña ao lume do afastamento urbano-rural, agóchase debaixo das cifras, das ofertas das empresas e dos plans das diferentes administracións para pórlle remedio ao escaso afianzamento das redes na España das vilas pequenas e das aldeas.
Isto é o que se pode deducir do devandito informe, no que se se constata que máis da metade do territorio está practicamente a contrapelo da máis variada oferta de banda larga. Ou sexa, con ADSL (se hai sorte) e con accesos lentos e, por enriba, máis caros. En termos concretos, este estudo fala de que o 53,4% das liñas de acceso a internet está nestas áreas pouco desenvolvidas ou con baixa densidade de poboación, excluídas da oferta óptima que é propia dos países máis desenvolvidos da EU. As liñas restantes son as das zonas agraciadas. Ou sexa, as zonas onde hai varias operadoras ofertando rede de banda larga, con infraestrutura propia. Por zonas desfavorecidas entendemos as que non contan con oferta variada, senón cunha única posibilidade, ben sexa de Telefónica ben sexa de outras empresas alternativas que achegan accesos indirectos (revenda).

PUBLICIDADE