Os premios GirlGeekCovid xa teñen gañadoras

venres, 12 de febreiro do 2021 Sandra Rivadulla

A Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra celebraron no marco da Cátedra Feminismos 4.0 os premios GirlGeekCovid, coincidindo co Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia (este xoves 11 de febreiro). A entrega dos galardóns desenvolveuse onte a través de Internet, debido á situación sanitaria. As galardoadas no ámbito da Ciencia e da Enxeñaría foron Ana Ramírez (Bioloxía) e Iria Ollero (Enxeñaría Biomédica).
Ambas recibiron 2.000 euros polas súas contribucións. Doutra banda, Laura Sánchez (Máster de Nanociencia e Nanotecnoloxía) e Marielena Márquez (Enxeñaría de Telecomunicación) foron premiadas con 1.000 euros nas respectivas categorías.
O xurado valorou o expediente académico e a motivación das mozas que presentaron unha carta onde amosaron as súas opinións e razóns polas que optaron a realizar estudos universitarios no ámbito das STEM. De feito, a primeira galardoada, Ana Ramírez, que posúe unha nota media de 8,68, quixo reivindicar “o papel que xogan as mulleres na sociedade e a importancia de facer visible todas as contribucións e logros nos eidos da ciencia, da tecnoloxía e da enxeñaría”. Da mesma forma, a outra muller premiada cun 8,9 de media, Iria Ollero, sinalou que “queda moito camiño por percorrer para que os avances dende a perspectiva de xénero que comezan a aparecer no mundo académico, se afiancen tamén no ámbito laboral”.
Segundo a UVigo, “as alumnas son maioría en todos os eidos do coñecemento, excepto no da enxeñaría e a arquitectura, no que representan tan só o 23% do total do alumnado matriculado”. Isto pode xerar unha fenda económica e salarial no futuro, xa que gran parte dos traballos van pertencer a estes ámbitos. Por iso é fundamental fomentar as vocacións femininas nestes campos.

PUBLICIDADE