Os subscritores de Netflix xa poden gozar de Monument Valley 3

martes, 10 de decembro do 2024 Marcus Fernández

O pasado verán Netflix anunciou no marco da Gamescom de Colonia que ía ofrecer aos seus subscritores os xogos da serie Monument Valley, quebracabezas de grande éxito de público e crítica, incluíndo unha moi grata sorpresa: que en decembro poderiamos gozar dunha terceira entrega da fermosa saga de Ustwo Games.
A espera rematou, e os subscritores de Netflix poden por fin descargar Monument Valley 3 para Android e para iPhone sen custo adicional, convidando así aos xogadores a somerxerse de novo neste cativador mundo con deseños inspirados nos deseños de M. C. Escher, de xeito que os quebracabezas se resolven en base a ilusións ópticas.
Monument Valley 3 é un xogo continuista, que mantén a mesma liña estética, pero cunha historia completamente nova, na que encarnamos ao aprendiz dun misterioso mentor coa misión de salvar o mundo dunha crecente escuridade.
As mecánicas de xogo son como as das anteriores entregas, con quebracabezas pensados para ser superados con certa calma, pois estamos ante un xogo que convida a superar os seus retos dun xeito tranquilo, cunha ambientación sonora que tamén busca relaxar ao usuario para que a experiencia sexa máis relaxante que desafiante.
Cómpre salientar que, como anteriores entregas, o xogo recibirá actualizacións con novo contido, mantendo así este título moi vivo durante unha boa tempada.

Tráiler de lanzamento de Monument Valley 3