Patricia Argerey (GAIN) cualifica de modélico o proxecto de transformación de CONGALSA e Gradiant

venres, 30 de xuño do 2023 S. P.

A sede na Pobra do Caramiñal da firma alimentaria CONGALSA, un dos grandes referentes da transformación empresarial galega, recibiu este venres 30 de xuño a visita da directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, para coñecer os resultados do proxecto innovador CONGALS4.0. En palabras de Argerey, trátase “dunha iniciativa modélica en transformación industrial”.
O proxecto, apoiado polo programa Fábrica Intelixente e Sostíbel da Xunta de Galicia con financiamento FEDER e desenvolvido en colaboración co Centro Tecnolóxico Gradiant, permitiu a implementación de tecnoloxías dixitais no proceso de fabricación para avanzar cara a un modelo de fábrica máis flexíbel, automatizada, social, colaborativa, conectada e intelixente.
Ademais, contou cun orzamento de preto de 5 millóns de euros e unha axuda pública de 2 millóns.
Argerey destacou o seu impacto tanto “na mellora dos procesos produtivos, na eficiencia na entrega a clientes, a redución de custos e a capacidade de adaptación máis rápida ao mercado”. Subliñou tamén “o efecto tractor deste proxecto sobre o ámbito alimentario galego a través do seu impacto sobre a cadea de valor e a difusión dos resultados ao resto do sector”. Ademais, sinalou “a importancia da colaboración entre os centros tecnolóxicos e as empresas para transformar o coñecemento que se xera nestes en valor económico e social”.
A directora da Axencia Galega de Innovación lembrou durante a visita a próxima activación da quinta edición do programa Fábrica Intelixente e Sostíbel, que ten como obxectivo “apoiar proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico para o tecido industrial galego centrados no desenvolvemento de tecnoloxías dixitais e verdes”, e cuxa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) está prevista para o vindeiro xoves, 6 de xullo. Argerey engadiu que nesa mesma data celebrarase unha xornada de presentación da convocatoria na sede da Axencia Galega de Innovación en Santiago de Compostela. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 2 de outubro. A convocatoria, dotada con 24 millóns de euros e co-financiamento da Unión Europea no marco do programa FEDERGalicia 2021-2027, está dirixida tanto a pemes como grandes empresas e organismos de investigación en colaboración cunha ou varias compañías co obxectivo de seguir avanzando cara un novo modelo industrial baseado no coñecemento e na competitividade.

PUBLICIDADE