Pedro Blanco cualifica o MUNCYT da Coruña de excelente escaparate para a ciencia española

luns, 2 de outubro do 2023 S. P.

O delegado do Gobierno en Galicia, Pedro Blanco, visitou a sede coruñesa do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) acompañado do seu director, Fernando Luís Fontes. Alí puxo en valor “a contribución deste museo á divulgación científica en Galicia”, con máis de 55.000 visitantes anuais dos que o 40% corresponden a centros escolares de toda a comunidade. Pedro Blanco cualificou o museo como “un excelente escaparate para a ciencia española”, ademais dunha “magnífica ferramenta didáctica” para promover o coñecemento científico e tecnolóxico na nosa sociedade.
O delegado enxalzou as 600 pezas que se expoñen na sede coruñesa do MUNCYT (entre as que destaca a cabina e unha turbina do Boeing 747 Jumbo “Lope de Vega” ou a lanterna da Torre de Hércules) e longa listaxe de actividades complementarias ás exposicións, todas elas gratuítas, como conferencias, actividades lúdico-científicas, obradoiros didácticos, a colaboración na formación do profesorado de ciencias, e publicación de catálogos e obras de divulgación, entre outras.
O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, MUNCYT, creouse o 30 de xuño de 1980. Está adscrito á Secretaría Xeral de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación. A sede da Coruña inaugurouse en maio de 2012. Situouse no edificio Prisma de Cristal, construído pola Deputación da Coruña. Ademais da sede en Galicia, o MUNCYT conta con outra sede expositiva en Alcobendas (Madrid) e un centro de documentación en Madrid-Delicias.
O MUNCYT desenvolve unha serie de propostas divulgativas ao redor da colección do museo e en relación con diferentes áreas científicas e tecnolóxicas. Actualmente pódese visitar a exposición temporal Os labirintos do cerebro na que se explica o funcionamento do cerebro e profundando na investigación neurocientífica. Ademais, cada semana organízanse obradoiros familiares, conferencias, charlas, xogos de pistas e eventos como concertos.
Esta fin de semana o MUNCYT celebrou a Noite Europea das Persoas Investigadoras, un evento de divulgación científica que ten lugar anualmente en varias cidades europeas o último venres de setembro. O MUNCYT da Coruña sumouse a esta conmemoración con distintos talleres e charlas.