Persoal do CITIC da UDC obtén 5 axudas para o pulo de unidades de investigación competitivas

venres, 9 de agosto do 2024 S. P.

Un total de cinco grupos con coordinadores adscritos ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC), obtiveron este ano as axudas da Xunta de Galicia para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento do Sistema Universitario Galego (SUG).
Tres destes grupos renovan as axudas a grupos de referencia competitiva. Son os coordinados por Margarita Alonso (especializado no procesamento da linguaxe natural), Luis Castedo (tecnoloxías, aplicacións e servizos sen fíos de transmisión de datos) e Mario Francisco (investigación de métodos estatísticos e a súa aplicación en diversos campos científicos).
Aos devanditos, súmanse os grupos liderados polos investigadores Miguel A. Rodríguez Luaces; Alejandro Pazos; Juan Touriño; Carlos Vázquez; Amparo Alonso; Richard Duro e Patricia Faraldo, que resultaron beneficiarios en convocatorias anteriores.
Tamén foron recoñecidos nesta convocatoria os coordinados por Carlos Dafonte (Área de Intelixencia Artificial Aplicada e as Tecnoloxías de Big Data, centrándose principalmente no ámbito de procesado de datos en Astronomía) e Fidel Cacheda (investigación na recuperación de información, arquitecturas avanzadas de portais e xestión de sistemas de información) na categoría de grupos de potencial crecemento. Deste xeito, serían cinco os grupos con coordinadores adscritos ao CITIC que contan con esta axuda: os coordinados por Álvaro Barreiro, Javier Pereira e José Luís Calvo.
Na categoría de persoal investigador excelente, son beneficiarios os investigadores José A. Iglesias Guitián e Óscar Ibañez.